Historia da bandeira e o escudo de Nigrán

       

 

De gules (vermello), tres ondas de prata (branco) resaltadas de un báculo de ouro (amarelo), posto en pao; bordura de azur, con cinco vieiras de ouro; franco-cuartel co cuartelado real de San Fernando. Ó timbre, coroa real pechada.

As armas deste Concello confórmanse a partir das vellas xurisdicións que rexían sobre as terras que terminaron por constituí-lo actual termo municipal. No campo, lémbrase por medio do báculo o mosteiro bieito de Oia, que exercía a súa xurisdición sobre Panxón, o antiquísimo porto romano de San Pantaleón. Na bordura alúdese, con cinco vieiras, a Priegue, convertida en vila condal cando don Baltasar de Sequeiros foi agraciado co título do mesmo nome no ano 1643, circunstancia xurisdicional que se mantería ata os comezos do século pasado. E finalmente, a xurisdición real de que gozaban as parroquias de Camos, Chandebrito, Parada, San Pedro da Ramallosa e a propia de Nigrán, polo que dependían directamente da vila de Baiona, o que se recorda nestas armas co cuartelado de San Fernando disposto sobre un franco-cuartel.

Decreto 326/1995, do 2 de decembro DOG núm. 242 (20 de decembro de 1995)