Fulano, Mengano e Citano

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE SÁBADO A OBRA DE FULANO, MENGANO E CITANO ‘O QUE HAI QUE VER!’

A actuación, que terá lugar ás 20:00 horas no Auditorio Municipal encádrase no programa cultural da Deputación de Pontevedra ‘Tornar as Táboas’

‘O que hai que ver!’ é unha combinacion dalgúns dos mellores sketchs da historia desta compañía teatral viguesa

Nigrán 04/10/22.- O Concello de Nigrán ofrece este sábado 8 de Outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a obra ‘O que hai que ver!’ da compañía de teatro Fulano, Mengano e Citano. A actuación encádrase no programa cultural da Deputación de Pontevedra ‘Tornar ás Táboas’. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Reflectir a realidade e facelo con humor son os principios que guiaron a Fulano, Mengano e Citano durante a súa longa traxectoria sobre os escenarios de toda o panorama galego. Nas súas representacións, o espectador pasa unha velada en grao sumo agradable, con risas sostidas e contaxiosas, onde se mestura a reflexión e a crítica construtiva sobre as realidades actuais mesturado nun sinxelo traballo de escenificación, no que a sátira se une ao humor intelixente. ‘O que hai que ver!’ é unha das súas obras fetiches e está protagonizada por Marcos Alonso, Suso Pando e Manuel Pombal.

Sinopse

‘O que hai que ver!’ é unha combinacion dalgúns dos mellores sketchs da historia de Fulano, Mengano e Citano. A maiores aparecen outros, de nova creación, aos que se lle engaden unha serie de cancións orixinais cargadas de ironía. Un show que no seu conxunto forma un ‘todo’ variado, dinámico e sorprendente, seguindo a liña de humor que caracteriza á compañia. Un espectáculo que conta, en clave satírica, unha serie de historias próximas, actuais e sorprendentes, nas que o humor se funde co teatro para crear un cóctel explosivo destinado a lograr que os espectadores gocen coa risa.