O CONCELLO DE NIGRÁN ABRE DESDE MAÑÁ O PRAZO PARA PARTICIPAR O 17 DE MAIO NA ‘FESTA DA BICICLETA’ CUNHA MARCHA POLO LITORAL DO MUNICIPIO
Organizarase por grupos, tal e como permitan nese intre as autoridades sanitarias e con todas as medidas de seguridade. Ao finalizar sortearase unha bicicleta, 10 cascos e haberá sorpresas
Nigrán, 04.05.21.- O Concello de Nigrán abre desde o 5 ao 13 de maio o prazo para inscribirse na ‘Festa da Bicicleta’ que se celebrará como cada ano o 17 de maio cunha marcha circular polo litoral do municipio. Os interesados, empadroados ou non, deben escribir a deportes@nigran.org facilitando o nome completo de todos os participantes, teléfono e DNI. Os asistentes, coa súa propia bicicleta, deberán levar obrigatoriamente casco e máscara durante todo o traxecto e o Concello organizará os grupos en función do que nese intre determinen as autoridades sanitarias. A saída será desde o Pavillón Municipal de Panxón ás 10:30 para chegar ao final da rotonda de Praia América e volver e participarán tamén os vehículos deportivos adaptados do Concello con usuarios e voluntarios. Unha vez rematada a marcha sorterase entre os asistentes unha bicicleta e dez cascos e haberá máis sorpresas.
“A marcha ao aire libre e coa aplicación de todas as medidas anti-covid é completamente segura, por iso apostamos por mantela deste xeito, é unha tradición de cada 17 de maio que queremos preservar”, incide o alcalde, Juan González.