XV Limpeza Simultánea de Ríos-ADEGA

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

O CONCELLO DE NIGRÁN ABRE AS INSCRICIÓNS PARA PARTICIPAR O 25 DE SETEMBRO NA ‘XV LIMPEZA SIMULTÁNEA DE RÍOS’ ORGANIZADA CON ADEGA

Nesta edición o traballo centrarase no río Muíños (á altura do muíño de Porto do Molle) desde as 11:45 horas. Os interesados deben anotarse previamente no formulario web de www.nigran.es

Nigrán, 17/09/22.- O Concello de Nigrán súmase por oitavo ano consecutivo o domingo 25 de setembro á ‘XV Limpeza Simultánea de Ríos” coordinada pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión se centrará no río Muíños. A xornada terá lugar desde ás 11:45 horas (o punto de encontro é o muíño ubicado en Porto do Molle) e se extenderá durante 1,5 horas. Os interesados en participar deben inscribirse antes do venres 23 a través do formulario web en www.nigran.es.

O Concello de Nigrán participa nesta xornada de concienciación ambiental dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Desde entón, grazas o labor de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz e o río Muíños máis de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

“É un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, subliña o alcalde, Juan González.