‘XANTAR NA CASA’, servizo de comida a domicilio

O CONCELLO DE NIGRÁN ESTREA NA COMARCA O PROGRAMA ‘XANTAR NA CASA’ DE SERVIZO DE COMIDA A DOMICILIO DIRIXIDO A PERSOAS MAIORES, DEPENDENTES OU EN RISCO DE EXCLUSIÓN

Un día á semana entréganse no fogar do usuario os 7 menús da semana listos para quentar no microondas, tendo un custe de 1,76 € para o beneficiario ao ser un programa subvencionado

Os interesados en sumarse poden solicitar información no 660083984 de 10:00 a 14:00 de luns a venres ou no mail bibiana.peixoto@nigran.org. Pode complementar ao Servizo de Axuda a Domicilio

Entréganse menús saudables listos para consumir que aumentan á calidade de vida das persoas dependentes e tamén a das súas familias, xa que adicionalmente facilitan a conciliación”, sinala o alcalde

Nigrán, 02.10.20.- O Concello de Nigrán estreará na comarca do Val Miñor nas vindeiras semanas o programa ‘Xantar na Casa’, un servizo de comida a domicilio destinado a garantir unha alimentación saudable a persoas maiores de 60 anos, dependentes ou en risco de exclusión social e para o que xa está aberto o prazo de solicitude. O obxectivo final desta iniciativa enmarcada no programa municipal ‘Un Nigrán para todos’ é aumentar a calidade de vida destas persoas con problemas de automomía, tendo un custe simbólico para o beneficiario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €). As persoas interesadas que cumpran estes requerimentos (maiores e/ou dependentes ou en risco de exclusión social) poden solicitar información e inscribirse a través do 660083984 de 10:00 a 14:00 horas ou no mail bibiana.peixoto@nigran.org

Un día á semana os beneficiarios deste programa do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar reciben no propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro plato, segundo e postre). Os menús son completos e equilibrados, correctamente condimentados e cunha boa presentación, variados e adaptables ás necesidades das persoas beneficiarias, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano (trátase dunha dieta basal de 630-840 Kcal., o que supón o 35% do volume enerxético diario total, que no caso dos anciáns oscila entre 1.800 e 2.400 Kcal). Desde ‘Xantar na Casa’ procuran especialmente o uso de produtos de orixe, elaboración ou transformación galega .

“Entréganse menús saudables listos para consumir que aumentan á calidade de vida das persoas dependentes e tamén a das súas familias, xa que facilitan a conciliación”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca o caso de moitos maiores que viven sos, especialmente do rural, e que non teñen a capacidade de ir a mercar os alimentos e poñerse despois a cociñar. “Moitos desexan manter a independencia de vivir nos seus propios fogares e, sen dúbida, este programa é dunha gran axuda”, engade Bibiana Peixoto, edil de Asuntos Sociais, quen subliña ademais o escasísimo custe económico que supón para o beneficiario. Ademais, ao comezo do servizo comprobaráse que as persoas beneficiarias dispoñan de microondas, frigorífico, enxoval e calquera elemento preciso para a preparación e inxesta dos xantares, no caso de carecer de electrodomésticos poñeráse a súa disposición un microondas e/ou frigorífico en réxime de depósito.

Desde unha perspectiva integral, ‘Xantar na Casa’ pode complementar ao servizo de axuda o fogar permitindo manter ao máximo a propia capacidade de independencia e autonomía e posibilitando a permanencia nos seus propios fogares nunhas condicións aceptables, evitando o desarraigo ou retardando posibles institucionalizacións.

“En definitiva, damos un paso máis no noso proxecto ‘Un Nigrán para todos’ , neste caso dirixido á facilitar a automonía persoal ao tempo que garantimos unha alimentación saudable”, resume o rexedor.