‘Tocata e Fuga para Carlos Casares’

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE O SÁBADO UNHA VELADA LITERARIO-MUSICAL ADICADA A CARLOS CASARES DA MAN DE XOSÉ CARLOS CANEIRO E EMILIO RÚA

A actuación encádrase no marco do 20 aniversario do cabodano do escritor veciño de Vilariño e cuxos restos repousan no Cemiterio Municipal de Nigrán

Os textos orixinais de Caneiro e a música de Rúa serven para homenaxear ao afamado autor mediante poemas, cancións ou narracións

Nigrán, 13.09.22.- O Concello de Nigrán, no marco do 20 aniversario do cabodano de Carlos Casares, e da man da Fundación Carlos Casares, ofrece este sábado 17 de setembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o concerto ‘Tocata e Fuga’, composto ex-profeso para o escritor e veciño de Nigrán no ano 2017. Trátase dunha actuación literario-musical na que se cantan e recitan unha serie de textos que xiran ao redor da figura e a obra de Casares. Todo son narracións orixinais escritas por Xosé Carlos Caneiro e con música de Emilio Rúa. Ambos os dous convocan e celebran a Carlos Casares e a súa obra mediante poemas, cancións, e narracións. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Este espectáculo, dirixido a todos os públicos, desenvólvese en forma de velada literario musical, e foi composto para homenaxear ao escritor durante o seu ano das Letras Galegas (2017). O uso da lingua galega, a inclusión dunha serie de referencias explícitas e a coidada factura de letras e música, buscan apoiar o uso e a extensión do idioma: animar aos neofalantes, consolidar aos bilingües e recuperar aos que polo medio social ou pola distancia o foron perdendo. E sobre todo, hai un obxectivo máis, que é lembrar ao escritor e veciño de Nigrán (os seus restos repousan no Cemiterio Municipal de Nigrán, no Ceán) cando se cumpre o 20º cabodano da súa morte. O evento conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, no seu programa FalaRedes.

«Este é un máis dos actos que organizamos desde o Concello neste 20 aniversario para honrar a un dos nosos veciños máis ilustres. Para Nigrán é un orgullo que Carlos e Cristina elixisen vivir en Vilariño e que aquí virán medrar aos seus fillos, as súas ilusións, os seus libros e os seus proxectos», sinala o alcalde de Nigrán, Juan González, quen precisamente desde o Concello convocou o curso pasado, neste contexto, o ‘I Certame Literario Infantil e Xuvenil Carlos Casares’.