‘Rasca e Gaña’

BASES COMPLETAS

CONCELLO DE NIGRÁN E OVALMI LANZA A CAMPAÑA ‘RASCA E GAÑA’ DE NADAL CON 5.000 € EN PREMIOS PARA PROMOVER O COMERCIO LOCAL

Preto de un cento de establecementos polo miudo participa nesta iniciativa que ‘oculta’ en 25.000 boletos tres premios de 300 €, 11 premios de 100 €, 30 premios de 50 € e 60 premios de 25 €

«Foi unha proposta nova de Ovalmi ao Concello e nos pareceu moi interesante para complementar a campaña #EsteNadalMercaEnNigrán que estamos a levar a cabo cos nosos comerciantes en redes sociais, vallas e anuncios publicitarios», explicou o alcalde, Juan González

O Concello de Nigrán e a Asociación de Empresarios Ovalmi amplían por vez primeira a súa campaña ‘Este Nadal merca en Nigrán’ ao reparto dun total de 5.000 € ocultos en 25.000 boletos ‘Rasca e Gaña’. O obxectivo é promover as compras no pequeno comercio da localidade porque os premios serán para, precisamente, canxealos en calquera dos 87 establecementos adheridos (socios de Ovalmi e non socios que se anotaron previamente a través do formulario web do Concello). Toda a información polo miúdo, incluído o listado de participantes, está pendurada na web www.nigran.es

«Foi unha proposta nova de Ovalmi ao Concello e nos pareceu moi interesante para complementar a campaña #EsteNadalMercaEnNigrán que estamos a levar a cabo cos nosos comerciantes en redes sociais, vallas e anuncios publicitarios», explicou o alcalde, Juan González, na presentación esta mañá da iniciativa na librería Paraísos de Papel xunto co presidente de Ovalmi, José Ángel González; a edil de Comercio, Patricia Diego; de Servizos Sociais, Bibiana Peixoto; e as dúas libreiras Beatriz e Mayte.

Así, o comercio repartirá entre a súa clientela desde este venres 16 de decembro e ata o 6 de Xaneiro un total de 25.000 ‘rascas’ a razón de 1 por cada 20 € de compra ata un máximo de 4 boletos. Os cupóns, repartidos equitativamente entre os comercios, ocultan tres premios de 300 €, 11 premios de 100 €, 30 premios de 50 € e 60 premios de 25 € que o seu posuídor deberá canxear antes do 31 de Xanerio de 2023 (deberá grampar o tiquet de compra ao boleto e contactar con Ovalmi de 9:30 a 14:00 horas de luns a venres).

Tal e como mencionou o alcalde, o Concello de Nigrán, coa colaboración da asociación de empresarios Ovalmi, lanzou unha campaña especial de promoción baixo a etiqueta #EsteNadalMercaEnNigrán na que os propios comerciantes son os protagonistas. En total, 24 establecementos de todo o municipio e preto de 50 cabezas visibles dos mesmos solicitaron participar nesta iniciativa municipal tras realizarse un chamamento público no mes de Novembro. Tendas de roupa, florerías, librerías, ópticas, perruquerías, hostalería… forman parte grazas ao rostro de cadanseu dependente e, xuntos, representan a todo o tecido comercial da localidade. O resultado xa está na rúa: figuran en diferentes vallas , anuncios en prensa e cartalería e cada un conta (ou contará) nos próximos días co seu gif particular para circular en redes sociais e facer viral o hashtag. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para incentivar o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como ven facendo desde hai anos con diferentes campañas, nesta ocasión cun toque informal e divertido mediante o propio deseño e os posados dos protagonistas. E como xa é habitual, os comercios asociados a Ovalmi e os que participan no ‘Rasca e Gaña’ recibirán bolsas e sobres de papel kraf ilustradas coa campaña.

“O obxectivo é subliñar ante a nosa veciñanza e visitantes que temos un tecido de pequeno comercio moi variado e que paga a pena”, conclúe o alcalde, Juan González.