PROGRAMACIÓN DE NADAL

O CONCELLO DE NIGRÁN INICIA O LUNS COA XIRA DO PAXE E BUZÓN REAL UNHA PROGRAMACIÓN DE NADAL 100% LOCAL QUE SE ACHEGARÁ A CADA PARROQUIA

Os artistas contratados pertencen todos ao municipio tras apuntarse á bolsa de contratación que ofreceu o Concello como liña de axuda específica ao sector

A programación infantil se desprazará a cada parroquia cos mesmos espectáculos co obxectivo de manter un aforo reducido. O mesmo esquema se levará adiante o 5 de xaneiro cos Reis Magos

Nigrán, 12/12/20.- O Concello de Nigrán arranca o luns 14 coa xira do Paxe e Buzón Real unha programación de Nadal realizada na súa totalidade por artistas do municipio e que, en boa medida, se achegará a cada parroquia cos mesmos espectáculos para manter aforos reducidos acordes á realidade sanitaria. O deseño da oferta cultural de Nadal realizouse tras establecer o goberno local unha bolsa de contratación específica dirixida a este sector e conta coa colaboración das entidades veciñais como respectivas sedes para poder ser itinerante.

«É unha programación 100% feita por artistas de Nigrán, centrada sobre todo nos cativos e, como non pode ser doutro xeito, adaptada ás circunstancias sanitaria coas máximas garantías de seguridade», incide o alcalde, Juan González, quen insiste en que «máis que nunca, se trata de ofrecer algo de alegría nunhas datas con moito contido emocional e, ao mesmo tempo, apoiar ao sector cultural e de ocio do municipio».

Así, a Asociación de Veciños de Chandebrito será o primeiro lugar onde os nenos poderán deixar o luns 14 as súas cartas de 17:00 a 19:00 horas (o mesmo percorrerá cada parroquia, desprazándose ata o día 22). Artistas como Rey Midas, o dúo Voltereta e Volvoreta e o grupo Teatro do Ar ofrecerán tamén o mesmo espectáculo en cada unha delas (sempre que non chova será no exterior).

A maiores, e tamén apuntados na bolsa de contratación municipal, terán lugar na Praza do Concello ás 19:00 horas os concertos de Backup Souls (30 de decembro), Prosy (23 de decembro) e o grupo de batucada ‘Latexo’ (26 de decembro), así como a actuación de Peter Punk na Praza Rosalía de Castro (4 de xaneiro ás 17:00 horas).

Igual filosofía de achegar ás sete parroquias os mesmos eventos para non exceder aforos e evitar concentracións se levará a cabo o día 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis. Tal e como xa explicaron as Súas Maxestades a través dun vídeo para os nenos e nenas de Nigrán, multiplicarán o seu esforzo grazas, unha vez máis, a colaboración das respectivas entidades veciñais e culturais.