
O CONCELLO DE NIGRÁN ABRE ESTE SÁBADO COA OBRA LÍRICA ‘MOLTO BARROCO’ A PROGRAMACIÓN ESPECIAL DE NADAL
Teatro, humor e música clásica e contemporánea mestúranse neste espectáculo de creación propia da compañía galega Píscore
A eventos xa tradicionais do Nadal nigranés, como o mercado de inverno ‘Bule Bule’, rondallas, corais ou a carreira San Silvestre solidaria, súmanse concertos de cámara, teatro infantil ou obradoiros
Nigrán 04/12/24.- O Concello de Nigrán abre este sábado 7 de decembro a súa programación especial de Nadal co espectáculo ‘Molto Barroco’ da compañía Píscore ás 20:00 horas no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completar aforo. O día anterior, venres 6, o Concello estrea coa sección de clarinetes da Unión Musical de Valladares a serie de concertos de cámara que fará en diferentes igrexas do municipio (neste caso será na Capela de San Campio, na Ramallosa, ás 20:00 horas). A eventos xa tradicionais do Nadal nigranés, como o mercado de inverno de artesanía local ‘Bule Bule’, rondallas, corais ou a carreira San Silvestre solidaria, súmanse este ano teatro infantil ou obradoiros. Toda a programación de aquí a Reis está pendurada e actualizada en www.nigran.es (aparatado ‘Próximos Eventos’).
«Coma sempre, mantemos os eventos xa definitorios do Nadal nigranés e engadimos novidades para ir variando e chegar a todo tipo de públicos ao tempo que incentivamos que a veciñanza se quede en Nigrán para pasar o día e, de paso, consuma no municipio», explica o alcalde, Juan González.
Teatro, humor e música clásica e contemporánea mestúranse no espectáculo de creación propia ‘Molto Barroco’ da compañía galega Píscore, que chega a Nigrán dentro do circuito ‘+ Escénicas’ da Deputación de Pontevedra. Trátase, antes que nada, udnha reivindicación das composicións musicais barrocas desde o teatro e o humor. Con motivo do baile de petición de man da súa prometida, o Rei encarga ao Compositor da corte unha peza orixinal. Esta solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre o Compositor e os seus tres músicos de cámara nas que teñen cabida todo tipo de gags, rutinas cómicas e musicais, bailes e ata xogos malabares.
Xa practicamente nas vésperas do Nadal, o Concello celebrará a súa cuarta edición do mercado invernal de artesanía local ‘Bule Bule’ o 13, 14 e 15 de decembro na Praza do Concello. Na súa inauguración o venres contará coa presenza de Troula Animación e o concerto do gran Tony Lomba ás 19:00 horas. Coma sempre, será unha oportunidade única para mercar os agasallos máis orixinais favorecendo directamente ao comercio local ao tempo que se celebran concertos en sesión vermú e á noitiña, orixinais obradoiros para crianzas e adultos e mesmo un contacontos en inglés a cargo de Kids&Us o sábado 14 ás 12:30. Toda a programación específica para este evento estará pendurada na web www.nigran.es. Ao seu carón, no Auditorio Municipal, terá lugar o sábado 14 o tradicional concerto de Nadal organizado pola Coral Novos Aires de Nigrán e coa participación tamén das agrupacións Vagalume (Chandebrito) e Ecos do Castelo (Parada) ás 20:00 horas . Neste día, a través da Asociación Galega de Celiacos organízase un obradoiro de galletas sen glute no CEE de Panxón para o que será preciso inscribirse previamente.
Os concertos de cámara continuarán con ‘Tubanadal’ da Banda Filharmónica de Vigo o xoves 19 de decembro ás 18:00 no Centro Comercial Nasas en colaboración con ‘JuanMaríaSenEtiquetas’ e o venres 20 ás 20:00 horas na Igrexa de Santiago de Parada o trío de cámara da Unión Musical de Valladares. O 21 de decembro terá lugar no Auditorio a clásica xa gala de Ardelume ás 18:00 horas e ás 20:00 horas no Templo Votivo de Panxón actuará a Coral Novos Aires. A música non parará en Nigrán, co concerto de Baiona Bai o día 28 de decembro (20:00 horas, Auditorio), o tradicional concerto de fin de ano a cargo de Nerea Rodríguez ao acordeón liderando SHI Quartet (20:00 horas) e a banda de metais Misxtura Ensemble da Unión Musical de Valladares o día 3 ás 20:00 horas.
O evento máis tradicional da comarca, o certame de Rondallas, será coma é habitual o 22 de decembro na Alameda da Ramallosa ás 11:30 horas (o 24 a rondalla de Santiago de Parada desfilará por Nigrán) e, xa pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar un baile de maiores no Auditorio.
As crianzas volverán a gozar do Nadal o 23 de decembro co teatro infantil ‘Meco e Sono’ ás 18:00 horas no Auditorio, o 27 de decembro ás 18:00 horas coa presentación do libro ‘Pedro, o piloto de gaivotas’ e obradoiro posterior no Auditorio, o 4 de xaneiro coa obra de Circo Chosco ‘Oh-Pera’ na Praza do Concello e, por suposto, coa gran Cabalgata de Reis o día 5 de xaneiro, data que porá punto final a programación de Nadal.
No eido deportivo non faltarán as galas de patinaxe Nigrán e de rítmica ‘As Estelas’ no Pavillón o 19 e 20 respectivamente e o 28 con tres grandes eventos: a carreira San Silvestre Solidaria, a concentración dos nadadores en augas abertas ‘Arroases do Val Miñor’ en Panxón, e o trofeo de ciclocross en Porto do Molle. Este mesmo día celebrarase tamén un obradoiro de percusión africana na Escola Municipal de Música a cargo de ‘Latexo Percusión’.


