Programación ‘A nosa memoria’

O CONCELLO DE NIGRÁN ABRE ESTE MES CO CINECLUB VAL MIÑOR ALICE-GUY E O ESCRITOR BERNARDINO GRAÑA UNHA PROGRAMACIÓN ESPECIAL ADICADA Á MEMORIA

‘Canciones para después de una guerra’ será a película deste mes de novembro mentras que o sábado proxectarase o documental ‘O home que quixo vivir’ de Bernardino Graña e un libro de Heitor Mera ao respecto

A programación inclúe a proxección da película ‘Donde acaba la memoria‘, a exposición ‘Kartoffel’, un acto en torno a Xohana Torres ou os documentais ‘Negro Púrpura’ e ‘Elas’

Nigrán, 28.10.21.- O Concello de Nigrán abre este mes de novembro oficialmente co Cineclub Val Miñor Alice-Guy e a figura do escritor Bernardino Graña unha programación especial adicada á memoria no sentido máis amplo do termo e que se extenderá ata decembro con documentais, curtametraxes, exposicións… «Memoria histórica e a memoria dos nosos maiores será o nexo de unión de toda a programación», explica o alcalde, Juan González.

Por este motivo, o cineclube regresa este xoves ás 20:30 ao Auditorio Municipal con ‘Canciones para después de una guerra’, un documental do director Basilio Martín Patino baseado na España de posguerra e realizado de forma clandestina en 1971, non sendo estreado ata 1976, despois da morte do dictador Francisco Franco. A comisión de censura, tras varios visionados e un importante número de modificacións no filme, non só aprobara a película, senon que lle concedera a categoría de Interese Especial. Pero… antes do seu estreo no Festival de San Sebastián, foi prohibida e incautada.

A programación regresa este sábado 30 ás 20:00 horas co documental ‘O home que quixo vivir’, de Xan Leira, sobre o escritor Bernardino Graña, usuario da residencia Stella Maris de Panxón. No mesmo acto, que pon fin á exposición baixo o mesmo título inagurada a inicios de mes, presentarase o libro de Heitor Mera ‘Cartas de Bernardino Graña’. «A obra de Bernardino Graña (Cangas, 27.09.1932) é magna. Poesía, narrativa, teatro, conferencias… Un creador e un intelectual de altura que colaborou na modernización da nosa literatura desde moitos lugares nos que loitar. Puxo toda a súa intelixencia ao servizo do seu pobo» , refire Xan Leira sobre o impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega afincado en Nigrán.

Xa no mes de novembro, o Auditorio Municipal acolle o día 6 ás 20:00 horas a aproxección do documental ‘Donde acaba la memoria‘, dirixido polo veciño de Nigrán e docente na Universidade de Vigo Pablo Romero Fresco. Este constrúe un retrato de Ian Gibson percorrendo Las Hurdes, a Residencia de Estudiantes e Granada coa colaboración de Mike Dibb, Carlos Saura, Roman Gubern e, por descontado, co propio Ian Gibson. “O plan inicial era revisitar o documental histórico de Buñuel en Las Hurdes, pero pronto se fixo evidente que a historia estaba en Ian…”, confesa Pablo Romero, quen despois dun ano de montaxe para converter 50 horas de metraxe nun corte final dunha hora sufriu o roubo da cinta na súa propia oficina. “Esa foi a primeira das moitas mortes de ‘Donde acaba la memoria’ durante case unha década que tamén incluíu o nacemento dos meus dous fillos e cambios de traballo e de país. Pero unha película sobre a perseveranza dunha vida adicada á busca non pode abandonarse así como así”, refire.

Posteriormente, o 15 de novembro os irmáns José e Ramón Trigo presentarán a exposición e novela gráfica ‘Kartoffel’, ambientada en Vigo no 1943 e que retrata a presencia de nazis en Galicia, particularmente na nosa área.

O sábado 20 o Auditorio Municipal acollerá desde as 18:00 horas unha homenaxe a Xohana Torres, poeta, dramaturga e escritora en lingua galega (elixida académica no 2001) que elixiu Monteferro para pasar os seus derradeiros anos.

Xa no mes de decembro, o día 6 proxectarase o documental ‘Negro Púrpura’, a cargo da produtora Illa Bufarda e baixo a dirección de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. Este retrata a Galiza do s. XX a través do cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da nosa cultura e da economía dunha época. Caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo… este fungo de mil nomes conéctanos co resto do mundo e alimenta os relatos dende a porta da veciña ata as multinacionais farmacéuticas e a CIA; dende as pragas medievais, pasando pola medicina popular, ata o LSD.

A programación remata o martes 7 ás 20:00 no Auditorio Municipal coa proxección da curtametraxe de Aaron Siebert ‘Elas’ e a presentación do Arquivo Histórico Audiovisual de Nigrán en formato web. ‘Elas’ é a tese de fin de Master de Siebert, veciño de Camos, na Eastman School of Music de New York. O traballo, no que tamén é encargado da banda sonora, retrata a dureza da vida da muller galega.