ORIENTACIÓN DIXITAL A PEMES

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE UN SERVIZO GRATUÍTO PARA FACILITAR A DIXITALIZACIÓN DAS PEMES DO MUNICIPIO

Será ofrecido de xeito individualizado pola especialista Bárbara Calvo durante tres meses e o prazo de solicitude está aberto a través dun formulario web

Nigrán, 03/04/24.- O Concello de Nigrán ofrece a partir deste mes un servizo gratuíto destinado a potenciar a comunicación dixital das pequenas e medianas empresas do municipio. Esta iniciativa piloto nace co obxectivo de ofrecer orientación dixital para que aprendan a usar ferramentas como redes sociais, fotografía e vídeo desde o smartphone etc. O servizo, con citas individualizadas atendidas no Centro Antena de Nigrán (Otero Pedrayo, 52), será dirixido por de Bárbara Calvo, freelance de Nigrán especializada na xestión de redes sociais e creación de contido audiovisual. Coa súa experiencia e coñecementos, Bárbara proporcionará un asesoramento personalizado e seguimento continuo a cada participante elaborando un plan de acción adaptable a cadansúas necesidades.

O programa piloto levarase a cabo de xeito flexible durante tres meses, desde abril a xuño, coa posibilidade de estenderse despois da tempada estival. Cada empresa contará cunha asignación de horas, garantindo así un soporte completo e unha atención individualizada.

Anteriormente, nesta liña de dixitalización, ofrecérase en maio do ano pasado un curso semipresencial con 35 empresas da contorna da Ramallosa. “Foi un curso que os propios comerciantes nos pediran e agora repetimos de maneira totalmente individualizada porque cremos que se lle pode sacar un maior partido todavía”, considera o alcalde, Juan González, quen encadra esta iniciativa na campaña municipal #VivoEnNigránComproEnNigrán e #EuSonDeMercarEnNigrán. “Impartiremos toda a formación que sexa precisa porque o investimento é pequeno e, en cambio, o rédito é moi alto”, explica.

“As redes sociais son un espazo aberto ao mundo as 24 horas do día no que podes dar a coñecer a túa marca e captar e fidelizar clientes se aplicas as técnicas axeitadas”, considera Bárbara.

Neste sentido, e enfocado a un sector concreto, compre destacar que o Concello de Nigrán, na súa aposta por posicionarse como destino de calidade internacional mellorarando a atención ao peregrino e ao turismo estranxeiro, ofreceu tamén no 2022 un curso gratuíto de inglés para que as persoas que traballan en establecementos de restauración adquirisen unhas competencias mínimas e, adicionalmente, aumentasen a visibilidade do negocio en redes elaborando un vídeo e dous post, ademais de traducir a carta.