MILLADOIRO REGRESA ESTE SÁBADO AO FESTIVAL ‘CHANDEFOLK’ PARA FESTEXAR OS SEUS 45 ANOS DE MÚSICA
O grupo folk de referencia en Galicia ofreceu no 2020 un concerto emblemático en Chandebrito tras inaugurar un espectacular monumento na súa honra e plantar ‘o bosque de Maeloc’. Agora regresan para conmemorar os seus 45 anos de traxectoria con Donicelas como teloneiras
“Milladoiro é Historia da música tradicional galega e ten un vínculo especial con Nigrán porque durante máis de 20 anos Antón Seoane elixiu a parroquia de Camos para vivir. Esa unión a materializamos eternamente no ano 2020 e agora a reforzamos”, explica o alcalde, Juan González
As mochilas vibratorias estarán dispoñibles para toda aquela persoas xordas que as solicite previamente no 690679675 ou no mail info@entresignos.com e, a maiores, as intérpretes signarán o concerto para que sexa de verdade inclusivo
Nigrán, 19.08.24.- O Concello de Nigrán reforzará a súa simbiose con Milladoiro o vindeiro sábado 24 de agosto no ‘Chandefolk’. O grupo de referencia internacional no folk galego repite neste festival senlleiro da parroquia de Chandebrito para festexar os seus 45 anos de música polo mundo. Catro anos antes, no 2020, ofreceron dentro deste mesmo evento un concerto emblemático ao ter inaugurado xusto antes un monumento na súa honra e ter participado os seus compoñentes na reforestación de 7.000 m² queimados nos incendios de 2017 nunha superficie que se bautizou como ‘Bosque de Maeloc’, en homenaxe aos 40 anos do seu primeiro disco. Nesta nova ocasión, contarán con Donicelas como teloneiras (21:30) para subir ao escenario de Chan de Rapadouro (ao carón do campo de fútbol) a partir das 22:00 horas. Como é habitual, a entrada é de balde e será un concerto inclusivo porque o concerto será signado por sendas intérpretes de lingua de signos e o Concello disporá das súas mochilas vibratorias para todas aquelas persoas xordas que o soliciten previamente no 690679675 ou no mail info@entresignos.com. Neste festival colabora de maneira activa a Asociación de Veciños de Chandebrito, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia e, a maiores, a Deputación a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’. Grazas precisamente a esta estreita colaboración, no recinto haberá una cantina con bebidas e comida a cargo precisamente da veciñanza.
“Milladoiro é Historia da música tradicional galega e ten un vínculo especial con Nigrán porque durante máis de 20 anos Antón Seoane, un dos seus fundadores, elixiu a parroquia de Camos para vivir. Esa unión a materializamos eternamente no ano 2020 para homenaxear os 40 anos do seu primeiro disco, ‘A Galicia de Maeloc’, e agora a reforzamos para que repasen neste concerto toda a súa traxectoria”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen desde o Concello creou en 2018, tras os fatídicos incendios de Chandebrito, o Chandefolk, festival adicado á música tradicional galega e polo que teñen pasado xa artistas de referencia como Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Xavier Díaz e Adufeiras do Salitre, Xulio Lorenzo e Roi Casal.
“A nosa ilusión sería devolver o moito recibido en forma de música fermosa e viva que nos axude como país a manter un lugar de identificación colectivo que nos permita seguir existindo baixo o irremediable manto da aldea global. Así foi e segue sendo a nosa pequena historia, a historia que empezou no outono de 1978 e que demos a coñecer por vez primeira un 15 de maio de 1979 no Auditorio dos Salesianos da Coruña”, resumen desde Milladoiro.