
O CONCELLO DE NIGRÁN PROGRAMA O SEU TERCEIRO CICLO ‘PRIMAVERA DE JAZZ’ CON MÚSICOS DE CULTO GALEGOS
Todos son artistas consolidados de jazz de recoñecido prestixio internacional. Así, comezará o 29 de marzo co grupo de Paco Charlín, continuará o 26 de abril co mítico trío Sumrrá e finalizará o 24 de maio co contrabaixista Simón García.
Todos os concertos son con entrada de balde, no Auditorio Municipal, e ás 20:30 horas
“Levamos tres anos ofrecendo en Nigrán aos mellores músicos de jazz do país en directo e fora da tempada estival, un auténtico luxo para un público fiel a este xénero musical”, explica o alcalde, Juan González
Nigrán, 24/03/25.- O Concello de Nigrán abrirá co gran contrabaixista Paco Charlín o seu terceiro ciclo ‘Primavera de Jazz’, un cartel que novamente reúne músicos galegos de culto internacional en tres citas imprescindibles para os amantes deste xénero: Jazz Frequency Group (liderado polo vilanovés Charlín) o sábado 29 de marzo; o mítico trío santiagués Sumrrá o sábado 26 de abril; e, finalmente, o contrabaixista mugardés Simón García en quinteto o sábado 24 de maio. Todos estes concertos son no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completar aforo e ás 20:30 horas e contan co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’.
«Levamos tres anos ofrecendo en Nigrán aos mellores músicos de jazz do país en directo e fora da tempada estival, un auténtico luxo para un público fiel a este xénero musical”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao festival de verán Nigranjazz. “Despois de 18 anos ininterrumpidos de Nigranjazz temos xa un público moi consolidado que demanda concertos en directo tamén o resto do ano e un alumnado da Escola de Música que tamén o reclama, e por iso apostamos firmemente por este festival que, paralelamente, quere promover aos mellores músicos galegos”, explica o rexedor.
JAZZ FREQUENCY GROUP
Paco Charlín, contrabaixo; David Taboada, batería; Luis Felipe, saxo alto; Javier Abraldes, guitarra; Mateo Sestelo, piano
Jazz Frequency Group é o proxecto do contrabajista vilanovés Paco Charlín, segundo a crítica especializada, un dos máis firmes valores da nova xeración de músicos de Jazz do noso país, tanto pola súa firmeza como acompañante, como pola súa expresividade de ideas como solista, sen esquecer as súas virtudes técnicas dun instrumentista de probada eficacia. Nacido no ano 1975, Charlín obtivo dúas bolsas da universidade de jazz máis prestixiosa do mundo: Berklee College of Music. En Boston (EEUU), alí realiza unha dobre licenciatura con mención honorífica e o premio ao mellor músico da promoción do ano 2000.
O repertorio desta formación baséase nos chamados “standards” e as composicións orixinais dos integrantes do grupo, levando a cabo como base rítmica e harmónica a tradición e a composición contemporánea do jazz moderno actual.
Os integrantes desta formación son recoñecidos artistas do panorama actual do jazz que se está facendo na península.
SUMRRÁ
Manuel Gutiérrez, piano; Xacobe Martínez Antelo, contrabaixo; e L.A.R. Legido, batería.
Sumrrá, nacida no ano 2000, atesoura unha das traxectorias máis sólidas e constantes da escena jazzística española e cunha gran proxección internacional, como certifican as súas xiras por todo o mundo e os seus máis de 200 concertos dominicais na súa cidade de residencia, Santiago de Compostela. Respetados pola crítica e cunha lexión de seguidores ás costas, veñen de recibir o Premio Plataforma Jazz España a súa traxectoria como banda consolidada. Desde os seus inicios, Sumrrá cativou a crítica e público cun jazz inclasificable, melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, a calidade dos seus integrantes e a frescura dos seus directos. Sumrrá non entende de modas, de etiquetas, nin de estilos. Pasaron máis de 20 anos anos desde a súa formación e continúan reinventándose e alimentándose dos proxectos paralelos dos seus compoñentes. Ademais, conservan unha madurez e unha frescura case inconcibibles hoxe en día, facendo do trío un grupo de culto que foi sumando adeptos ao longo de todos estes anos grazas a unha forma única de entender a música en directo.
Este concerto reúne en 90 minutos os seus maiores éxitos ao longo de 25 anos de existencia.
SIMÓN GARCÍA QUINTETO
Simón García, contrabajo; Miguel Cabana, batería; Pablo Añón, saxo; Ricardo Formoso, trompeta; Iago Mouriño, piano
O Contrabaixista e compositor español Simón García (Mugardos, 1977) é un dos compositores máis interpretados e internacionais do panorama contrabaixístico actual. Gañou varios premios internacionais, ademais de recibir varias mencións de honra e nomeamentos en importantes concursos de composición ao longo do mundo. É un músico versátil e ecléctico por esta razón é requirido para traballar con artistas de diversos estilos, destacando o seu labor como jazzista en proxectos propios e alleos. Neste eido, desde o 2011 é o contrabaixista do Nani García Trío; desde o 2013 é membro do Fillojazz, cuarteto residente do Filloa Jazz Club da Coruña, o máis antigo en activo do país; e tamén é o contrabajista do Quinteto Cimarrón, quinteto de corda que fai música cubana e latín jazz.


