O CONCELLO DE NIGRÁN PROGRAMA O SEU SEGUNDO CICLO ‘PRIMAVERA DE JAZZ’ CON ABE RÁBADE, DAVID REGUEIRO E DIEGO ALONSO
Trátanse de músicos galego de recoñecido prestixio internacional. Comezará o 23 de Marzo co pianista Abe Rábade, continuará o 20 de Abril co guitarrista David Regueiro e finalizará o 1 de xuño co saxofonista Diego Alonso. Todos os concertos serán gratuítos, no Auditorio Municipal, e ás 20:00 horas
“O obxectivo é ofrecer aos mellores músicos de jazz do noroeste peninsular en directo e fora da tempada estival”, explica o alcalde, Juan González

O Concello de Nigrán abre o 23 de marzo co gran pianista galego Abe Rábade o seu segundo ciclo ‘Primavera de Jazz’, un evento que conta coa financiación da Deputación a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’ e que novamente ofrece tres citas impresicindibles cos mellores músicos galegos: Rábado o sábado 23, David Regueiro Trío o sábado 20 de abril e, finalmente, Diego Alonso o sábado 1 de xuño. Todos estes concertos son gratuítos, no Auditorio Municipal, e ás 20:00 horas.
«Mantemos o obxectivo co que naceu, que non é outro que ofrecer aos mellores músicos de jazz do noroeste peninsular en directo e fora da tempada estival”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao Nigranjazz, o festival máis lonxevo de toda a comarca dentro deste xénero musical e que cada ano o Concello celebra en Xullo no esteiro de A Foz mesturando os mellores músicos internacionais cos máis destacados do noroeste peninsular. “Despois de 18 anos ininterrumpidos de Nigranjazz temos xa un público moi consolidado que demandaba concertos en directo tamén o resto do ano e un alumnado da Escola de Música que tamén o reclama, e por iso nace este festival que, paralelamente, quere promover aos mellores músicos galegos e do norte de Portugal”, explica o rexedor.
ABE RÁBADE
Considerado un dos mellores músicos de jazz de todo o país. Pianista e compositor nacido en Compostela o 8 de setembro de 1977. Conta con quince discos como líder (Botánica, o máis recente, editado por Nuba Records no 2022), estreou dúas composicións sinfónicas (Tránsitos no 2015 e Tempos Velados no 2018), outras tres obras poético-musicais (Rosalía 21 no 2008, Travesía dos Poetas no 2010 e Lorca Namorado no 2019). É autor de 200 composicións en estilos como jazz, clásica, experimental e músicas de raíz. Actúa con numerosas figuras de reconocido prestixio internacional en concertos e festivais de todo o mundo. Así mesmo, ofrece múltiples masterclasses en centros especializados.
Licenciado Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance por Berklee College of Music (Boston, EEUU) no 1999, actualmente é docente nos conservatorios superiores de música de Galiza e Portugal.
DAVID REGUEIRO
David Regueiro, nesta ocasión estará en formato de trío acompañado de Thomas Kretzaschmar, violinista internacional de primeiro nivel que ten tocado cos mellores guitarristas do mundo: Stochelo Rosenberg, Bireli Lagrène, Angelo… David Regueiro Trio ft. Thomas Kretzschmar son:
• Thomas Kretzschmar: Violín
• David Regueiro: Guitarra solista
• Gonçalo Mendonça: Guitarra rítmica
• Juyma Estévez: contrabaixo
Con máis de 15 discos editados, con centos de actuacións por diferentes países e co aplauso unánime de prensa e público, David Regueiro consolidouse coma un dos guitarristas de gypsy jazz máis prominentes do Estado. David Regueiro Trio presentou en 2020 “Areal”, un álbum conformado por nove composicións propias ubicado no jazz manouche, a corrente estética creada por Django Reinhardt, sen deixar de lado outras das súas influencias: o swing americano e o be-bop. O trío aporta unha visión rigorosa e respectuosa coa tradición ao tempo que fresca e innovadora. No 2023 presenta “Perfect Match”, o seu novo disco integrado por composicións e arranxos orixinais, co seu trío e con Alexandre Cavalieri, o violinista de referencia neste estilo a nivel internacional. Este traballo mostra a madurez compositiva de Regueiro, desenvolvendo una voz propia e marcadamente orixinal dentro do jazz manouche. “Perfect Match” valeulle ser o gañador doPremio Martin Códax da Música 2023 na ‘Categoría Jazz e Músicas Improvisadas’.
DIEGO ALONSO
O saxofonista Diego Alonso (1988) lidera o quinteto Nihil, formado a súa vez por algúns dos mellores músicos de jazz de Galicia e de prestixio internacional: Xan Campos (piano), Virxilio da Silva (guitarra), Pablo Patiño (contrabaixo) e Antón Quintela (batería).
Alonso comeza os seus estudos musicais na Escola Municipal de Música de Vigo, accedendo a continuación ao Conservatorio Profesional de Vigo e, posteriormente, aode Santiago de Compostela. Fórmase en Jazz e Música Moderna na Escola Estudio de Santiago e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, rematando a súa formación regular na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo (ESMAE) de Porto, coa que recibirá o 1º Premio de Grupos das Escolas de Jazz de Portugal e a Mención Honrosa como Mellor Intérprete na Festa do Jazz do Teatro São Luíz de Lisboa (2015). Amplía os seus coñecementos musicais asistindo a masterclasses con recoñecidas figuras do jazz como Chris Cheek, Seamus Blake, José Pedro Coelho, Logan Richardson, Maikel Vistel, Ben van Gelder, Jorge Rossy ou Demian Cabaud, entre outros. Habitual na escena do jazz e da música moderna en Galiza e Portugal, colaborou con bandas de diversos estilos como Tanghana’s Show, Transilvanians, Moon Cresta, La Banda de Andrelo,The Soul Jacket, Brothers in Band e outras bandas de jazz como a Orquestra de Jazz de Matosinhos , a Orquestra de Jazz do Porto ou o proxecto de André Fernandes ‘Centauri’. Ten tocado xunto a músicos referentes da escena do jazz peninsular e internacional como Kurt Rosenwinkel, Wilfried Wilde, Iago Fernández, Abe Rábade, Paco Charlín, Naíma Acuña, Alfonso Calvo, Alberto Vilas, David Puime, João Lopes Pereira e João Mortágua, entre outros. Os seus traballos discográficos máis recentes son “Monday Mood” de Alfonso Calvo Septeto (2020), con Límbico no seu álbum homónimo (2021), tres discos xunto á Orquestra Galega de Liberación entre os anos 2020 e 2022, «EJE meets Màrio Laginha» (2022) e “EJE meets Iago Fernández” (2023) xunto ao Eixo do Jazz Ensemble e no disco de Marcel Pascual Quinteto «Fluctuaciones» (2023) Tamén colaborou como convidado nos discos “Let me stand” e «K.I.C.K.Radio» de The Souljacket e no disco “Lugar A Ponte” de Caldo. Este ano 2024 editará “Nihil”, o seu primeiro álbum como compositor e líder.
Actualmente, ademais de liderar e compor para a súa propia formación, forma parte das bandas de música moderna como son Blackstereo , Tangomango, Great Straits ou Bafana Bafana , co que recibiu o Premio Martín Códax da Música no ano 2021. Dentro da música jazz e experimental, é membro de Alfonso Calvo Septeto, Ghastas Pista swing band , Orquesta Galega de Liberación e o Ensemble Liberdade , Límbico, Marcel Pascual Quintet e do Eixo do Jazz Ensemble . É, ademais, membro co-fundador e parte activa das asociacións O Eixo do Jazz , xunto a Cristina Marvão, e O Tambor Colectivo , que procuran dinamizar as escenas culturais e musicais galega e portuguesa.


