I Ciclo Novos Intérpretes

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE SÁBADO NO AUDITORIO MUNICIPAL UN CONCERTO DE CLARINETE E PIANO A CARGO DE JORGE MANUEL ALDAO E ALICIA GONZÁLEZ

A actuación encádrase no ‘I Cliclo de Novos Intérpretes’ lanzado o pasado ano polo Concello de Nigrán e interpretarán temas de Brahms, Debussy e Bernstein

Nigrán, 09/05/2022.- O Concello de Nigrán ofrece este sábado 14 de Maio ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o concerto de clarinete e piano a cargo respectivamente de Jorge Manuel Aldao López e Alicia González Permuy. A actuación encádrase no ‘I Cliclo Novos Intérpretes’ lanzado o pasado ano desde o consistorio. A entrada, como a todos estes concertos, é de balde ata completar o aforo. O dúo interpretará temas de Brahms, Debussy e Bernstein. O repertorio e o dossier completo da formación está pendurado na web municipal www.nigran.es.

Jorge Manuel Aldao

Nace na Coruña en 2002, onde comeza os seus estudos musicais aos sete anos no Conservatorio Profesional de Música da devandita cidade co profesor Nilo Jesús García Armas, finalizando Grao Profesional con Matrícula de Honra e obtendo o Premio Fin de Grao.

No 2020 accede ao Conservatorio Superior de Música da Coruña, recibindo clase de instrumento durante o primeiro ano coa profesora Uxía Bolaño Amigo e na actualidade coa profesora Marta Sancho Andrés. Paralelamente, participa en distintos cursos cos mellores clarinetistas do panorama internacional, como Hermann Stefansson, Jose Franch-Ballester, Vitor Matogueiras, Sergio Pires, Lara Díaz, Josep Fuster, Juan Ferrer, Xocas Meijide, Lorenzo Coppola, Robert Spring ou Roberto D’Urbano, entre outros. Ao longo da súa traxectoria, obtén premios en distintos concursos de interpretación, como o segundo premio no V concurso de cámara do Conservatorio Superior de Música da Coruña, o segundo premio na Categoría B do V Concurso de Clarinete Cidade de Ourense (Conservatorio Profesional de Música de Ourense) e o primeiro premio do concurso de solistas do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

No ano 2019 entra a formar parte como reserva da bolsa de músicos da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, realizando ademais no ano 2020 un curso de especialización instrumental orquestral na Escola de Altos Estudos Musicais, estreitamente vinculada á Real Filharmonía de Galicia, co clarinetista Vicente López.

No ámbito da música de cámara forma parte do grupo de clarinetes Xacobeo Clarinet Ensemble desde a súa fundación.

Alicia González Permuy

Nace en Lalín, onde comeza a estudar piano e violín a a idade de sete anos. En 1995 prosegue os seus estudos en L’ Escola de Música de Barcelona con Albert Attenelle (piano) e Jordi Moura (música de cámara), ao mesmo tempo que asiste a diferentes cursos con Irina Zariskaya, Manuel Carra, Almudena Cano, Josep Colom…

No 1999 obtén unha bolsa da Deputación de Coruña e trasládase a Holanda, onde realiza os estudos de Postgraduado no Brabants Conservatorium de Tilburg con Ton Demmers (piano) e Jan Gruithuyzen (música de cámara). Gradúase no 2002 con mención especial » Summa Cum Laude» e é elixida entre os mellores alumnos do último curso para tocar no «Laureatenconcert».

Tras terminar o Postgraduado continúa os seus estudos con Jan Wijn, recoñecido pianista e pedagogo holandés, e con Eugen Indjic (antigo alumno de, entre outros, V. Horowitz e A. Rubinstein).

Obtivo diferentes premios e diplomas como, por exemplo, o 3 er Premio no III Concurso «Ciudad de Segovia» (1994), Premio de Honra «Fin de Grao Medio» (Lalín, 1996), Diploma de » Licenciate in Pianoforte Playing» da Guidhall School of Music and Drama (Londres, 1996), 3º Premio no XII Concurso Internacional de Piano ( Berga, 1997), Matrícula de Honra e Premio Fin de Carrera (A Coruña, 2001), Diploma de Postgraduado, Master Degree ( Tilburg, Holanda, 2002), Finalista do VIII Ciclo de Novos Intérpretes (Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 2003), 2º Premio no I Concurso de Piano organizado pola ASGAIM e Premio á mellor interpretación de música galega (A Coruña, 2004), Premio Especial ao mellor pianista acompañante no 3º Certame Nacional de Interpretación Intercentros (Madrid, 2004).

Realiza un intenso labor como pianista acompañante, destacando o traballo que desempeña en masterclasses con, por exemplo, os clarinetistas Joan Enric Lluna, Michael Harris, José Luís Estellés, Antony Pay, Hans Deinzer, Antonio Saiote ou Walter Boeykens. Ademais, posúe unha ampla experiencia orquestral: colabora con asiduidade coa Orquestra Sinfónica de Galicia, tamén tocou coa Orquestra Ciudad de Granada ou a Sinfónica de Bilbao. Esta actividade levouna a tocar en escenarios tan importantes como o Musikverein de Viena, a Kölner Philharmonie ou o Auditorio Nacional de Madrid, entre outros, e permitiulle traballar con mestres da talla de Michail Jurowski, Jesús López Cobos, Ton Koopman, Alberto Zedda, Christian Zacharias, Dima Slobodeniouk, Lorin Maazel,…

Deu recitais en España ( L’ Auditori de Barcelona, Auditorio Manuel de Falla de Granada,..), Bélxica, Holanda, Portugal, Francia, … iniciando a súa carreira de solista coa Brabants Conservatorium Orkest. Tamén tocou como solista coa Orquestra Sinfónica de Galicia e gravou para RNE (2005).

Actualmente é pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música da Coruña e colaboradora habitual da Orquestra Sinfónica de Galicia, ao mesmo tempo que continúa a súa actividade concertística como solista e dentro do campo da música de cámara.

I Ciclo de Novos Talentos’

Co afán de apoiar e protexer a excelencia musical, o Concello de Nigrán pon en marcha unha serie de concertos cunha mostra das mellores novas promesas de todas as especialidades instrumentais que marcarán o devir musical e cultural nun futuro non moi afastado. Así, Nigrán pon o seu Auditorio Municipal a disposición das agrupacións de novos músicos de todos os ámbitos, formacións camerísticas e solistas, que estean matriculados no último curso de Grao Superior de calquera conservatorio de España e sexan especialmente talentosos, así como aqueles intérpretes gañadores dalgún primeiro premio nalgún concurso nacional ou internacional.