I Certame Infantil e Xuvenil Carlos Casares

Bases e Instancia de presentación

O CONCELLO DE NIGRÁN CONVOCA O SEU ‘I CERTAME INFANTIL
DE RELATOS CURTOS CARLOS CASARES’ DIRIXIDO A TODOS OS COLEXIOS DO MUNICIPIO

O obxectivo é promover a lingua galega entre a mocidade ao tempo que se homenaxea a un dos veciños máis ilustres de Nigrán no 20 aniversario do seu falecemento

Cada centro educativo poderá presentar ata o 17 de Maio un máximo de 4 obras, ben elaboradas por un alumno ou por un grupo deles, sempre coa condición indispensable de ser en galego, inéditas e orixinais

«Todos tiñamos conciencia cando o víamos pasear coma un veciño máis de que Casares era unha persoa moi especial e de que era unha honra telo aquí, por eso consideramos un deber honrar a súa memoria desde o Concello», considera

Nigrán, 05/05/22.- O Concello de Nigrán ven de convocar o seu ‘I Certame Infantil e Xuvenil de Relatos Curtos Carlos Casares’ dirixido a todos os centros públicos e concertados do municipio (Primaria, Secundaria e Bacharelato) ou de Educación Especial. O obxectivo é promover a lingua galega entre a mocidade ao tempo que se homenaxea a un dos veciños máis ilustres de Nigrán, Carlos Casares, no 20 aniversario do seu cabodano. Neste sentido, o Concello organizará múltiples actos durante todo o ano tamén xunto á Fundación Carlos Casares, como é o caso.

«Para Nigrán é un orgullo que Carlos e Cristina elixisen vivir en Vilariño e que aquí virán medrar aos seus fillos, as súas ilusións, os seus libros e os seus proxectos», sinala o rexedor, Juan González, quen aposta por manter este certame de xeito anual adicado a súa figura e avanza un verán cheo de programación adicada ao escritor que incluirá roteiros, teatro ou exposicións. «Todos tiñamos conciencia cando o víamos pasear coma un veciño máis de que Casares era unha persoa moi especial e de que era unha honra telo aquí, por eso consideramos un deber honrar a súa memoria desde o Concello», considera.

Cada colexio e instituto poderá presentar ata o 17 de Maio un máximo de 4 obras, ben elaboradas por un alumno ou por un grupo deles, sempre coa condición indispensable de ser en galego, inéditas e orixinais. O Concello establece neste certame dúas categorías, ‘Cativos’ (nados entre o 01/01/2013 ó 31/12/2010) e ‘Mozos’ (nados do 01/01/2009 ó 31/12/2003), outorgando cadanseu premio ao centro gañador, consistente nunha obra de teatro ou similar e un lote de libros, ademais dunha condecoración. O xurado estará representado por un representante da Fundación Carlos Casares e outras dúas persoas recoñecidas pola súa vinculación ao mundo editorial e literario. O resultado darase a coñecer o 1 de xuño no Taboleiro Municipal e Sede Electrónica. Neste mesmo espazo están penduradas as bases do certame, onde se explica o sistema de sobres e pseudónimo para preservar o anonimato en todo o proceso ou cuestións como a extensión máxima, tamaño de letra…