Festival Competitivo ‘Cinema a Pedal’

Cinema a Pedal reúne filmes de 20 países e 5 continentes nunha programación que converte a bicicleta nunha forma de mirar o mundo

A quinta edición do festival, primeira de carácter competitivo, reunirá en Nigrán 16 curtametraxes e cinco longametraxes, con obras estreadas e premiadas en festivais como Cannes, Berlín, Venecia, San Sebastián ou Zinebi

Nigrán, setembro 2026.– Despois da súa primeira etapa ao aire libre, celebrada os días 7 e 8 de agosto no Esteiro da Foz, Cinema a Pedal encara a segunda parte da súa quinta edición, que terá lugar do 16 ao 20 de setembro nos Cines Municipais da Ramallosa, coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade. Nesta segunda etapa, o festival, promovido polo Concello de Nigrán, incorpora por primeira vez unha competición internacional e presenta unha programación formada por 16 curtametraxes (catro delas infantís) e cinco longametraxes, con obras procedentes de 20 países e cinco continentes. Todas as proxeccións serán de entrada libre ata completar a capacidade da sala. O horario completo da etapa en sala de Cinema a Pedal está dispoñible na web cinemaapedal.gal

Francia, Arxentina, Italia, Irlanda, India, España, Alemaña, China, Suíza, Malaisia, Brasil, Perú, Bolivia, Polonia, Nova Zelandia, Nepal, Singapur, México, Ecuador e Uruguai, ademais de Galicia, están representados nunha selección que percorre diferentes xéneros, estilos e realidades, desde a ficción e o documental ata propostas de carácter máis experimental. En Cinema a Pedal non se proxectan unicamente películas nas que aparecen bicicletas, senón películas que atopan na bicicleta unha forma de falar de cuestións que van moito máis alá, como liberdade, identidade, memoria, territorio, vínculos, traballo, resistencia e cambio. Deste xeito, a bicicleta convértese nunha ferramenta de emancipación, unha forma de traballo, un vínculo coa comunidade, un espazo de liberdade ou unha maneira de desviarse do camiño marcado.

O xurado estará formado pola cineasta e artista Carla Andrade, o crítico Severiano Casalderrey e a programadora uruguaia Alejandra Frechero. A Sección Oficial repartirá 3.000 euros en premios. O xurado concederá o Premio á Mellor Longametraxe Cinema a Pedal, dotado con 1.000 euros, e o Premio á Mellor Curtametraxe Cinema a Pedal, con 800 euros. Pola súa banda, o público poderá escoller as súas películas favoritas, que recibirán o Premio do Público á Mellor Longametraxe, dotado con 500 euros, e o Premio do Público á Mellor Curtametraxe, con 400 euros. Pola súa banda, a sección infantil contará tamén cun recoñecemento propio: o Premio do Público Infantil á Mellor Curtametraxe, dotado con 300 euros, será decidido directamente polas nenas e nenos que asistan ás proxeccións. Deste xeito, o público máis novo terá tamén un papel activo dentro do certame.

Catro percorridos a través das curtametraxes

As 16 curtametraxes articúlanse en catro bloques temáticos que percorren diferentes formas de vivir, entender e habitar o mundo a través da bicicleta.

Resistencias reúne Peregrina de inverno, realizada por DisCamino, e a nepalí The Women of Two Cities. Dúas historias de mulleres que, desde contextos moi diferentes, falan de autonomía, perseveranza e capacidade para decidir sobre a propia vida.

En Camiños secundarios, Teatro Rodante, Última entrega e a galega Historia dunha bicicleta (sen aire nas rodas e chea de po) exploran outros xeitos de percorrer e habitar o territorio. A bicicleta aparece como vehículo para levar unha creación teatral ás comunidades, como ferramenta de traballo nunha contorna dominada polo algoritmo, ou como obxecto ligado á liberdade e á necesidade de volver poñerse en movemento.

A seguinte curva detense nos momentos de transición, identidade e transformación. My Bike, My Baby, When the Geese Flew e Se acabó el verano falan de crecer, de despedirse, de tomar decisións e de construír unha vida propia. Tres historias sobre eses momentos nos que toca avanzar sen saber exactamente que atoparemos ao virar a seguinte curva.

Por último, A contrapedal reúne Cara de bicicleta, Otro día, nosotros e Ultramarino, tres películas que cuestionan os guións sociais, familiares ou de xénero establecidos. Desde a revisión da historia da bicicleta e da liberdade das mulleres ata a memoria dunha amizade ou a procura da propia identidade durante a adolescencia, son relatos sobre a necesidade de elixir o propio camiño, mesmo cando iso significa ir a contrapé.

A curtametraxe Beauty, que xa tivo unha moi boa acollida durante a etapa ao aire libre do festival, terá unha nova proxección ao formar parte tamén da sección oficial. Nesta ocasión, poderá verse antes da longametraxe Rodando.

Cinco longametraxes e unha selección con percorrido internacional

A programación complétase con cinco longametraxes: 3000km en bicicleta, de Iván Vescovo (Arxentina); Rodando, de Mária Castaño (España); El viento y todos los tiempos, de Carla Valencia Dávila (Ecuador); Desperté con un sueño, de Pablo Solarz (Arxentina), e Tres adioses, de Isabel Coixet (Italia).

A selección desta primeira edición competitiva reúne películas que foron estreadas ou recoñecidas en festivais de referencia internacional como a Berlinale, a Quinzaine des Cinéastes do Festival de Cannes, Busan, Zinebi, o Festival de San Sebastián, Venecia, o IDFA de Amsterdam ou Mar del Plata.

Varios dos filmes que forman parte da programación contarán coa presentación dos seus propios cineastas, que acompañarán as proxeccións e permitirán ao público coñecer de primeira man os procesos creativos e as historias que están detrás das obras.

Encontros, obradoiros e solidariedade

A programación complétase con diferentes propostas que amplían o festival máis alá das proxeccións.

Entre elas estará a presentación do libro Señoras en bicicleta na libraría Paraísos de Papel, unha crónica dos primeiros anos da bicicleta e da súa relación coas mulleres, escrita polas xornalistas Ana Bulnes, Raquel C. Pico e María Ramos Domínguez.

O programa incluirá tamén tres encontros arredor da bicicleta:

O primeiro, Pedaladas libres, propoñerá unha conversa arredor das relacións entre cinema, bicicleta e xénero, reunindo profesionais do sector audiovisual para falar das súas experiencias e da presenza das mulleres diante e detrás da cámara, así como dos roles e estereotipos de xénero que tamén se constrúen (e se cuestionan) a través do cinema e da bicicleta.

O segundo, Bicis solidarias, porá en diálogo dúas iniciativas galegas que amosan como unha bicicleta pode converterse nunha ferramenta de transformación social. DisCamino, nacido en 2009, traballa para facer posible que persoas con discapacidade poidan cumprir o soño de chegar a Santiago, empregando a bicicleta para superar barreiras e compartir o Camiño. Recycling, iniciativa xurdida en Lalín, dá unha segunda vida ás bicicletas que xa non se utilizan. O encontro abordará así a inclusión, a solidariedade, a reutilización e a capacidade da bicicleta para xerar novas oportunidades.

A última sesión, Pedaleamos por Mauri, terá tamén a solidariedade como punto de partida. A proposta incluirá a proxección de Lost, o videolibro da autora nigranesa Soledad García Riveiro, acompañada da curtametraxe gañadora da sección infantil. Será a única actividade do festival que contará cunha fórmula de taquilla inversa totalmente voluntaria. A recadación destinarase integramente a Unha cura para Mauri, unha iniciativa solidaria que busca contribuír a financiar o tratamento que precisa Mauri, un neno de Nigrán que padece a enfermidade de Alexander.

Os encontros Pedaladas libres e Bicis solidarias, así como a presentación do libro Señoras en bicicleta, estarán acompañados dun petisco, nun ambiente pensado para compartir e conversar.

A programación completarase cun obradoiro de creación de xoguetes precinematográficos para a cativada, que permitirá achegar as técnicas de animación ao público infantil desde unha perspectiva práctica e lúdica.

Cinema a Pedal naceu en 2022 no Concello de Nigrán coa vontade de unir cinema e bicicleta nunha proposta cultural diferente. Na súa quinta edición, o festival mantén esa identidade e amplía a súa dimensión internacional e competitiva, ao tempo que reivindica a bicicleta como un medio de transporte sostible, saudable e respectuoso co medio, capaz de devolvernos unha escala máis humana na maneira de desprazarnos, de relacionarnos co territorio e de habitar a nosa contorna.