Feira do Libro de Nigrán

O CONCELLO DE NIGRÁN FESTEXA O DÍA DO LIBRO ESTE SÁBADO CON OBRADOIROS PARA TODAS AS IDADES E COA PRESENZA DE ESCRITORES DO VAL MIÑOR

Marta Dacosta, Luísa Martínez, Fran Alonso, Fran Fernández Davila… serán algúns dos escritores asistentes a este evento cheo de propostas culturais, todas gratuítas

O Concello disporá dunha gran variedade de libros de segunda man para que os asistentes escollan libremente e lle dean unha segunda vida

Nigrán 20/04/22.- O Concello de Nigrán ofrecerá o sábado 23 de abril na nova Biblioteca Municipal unha ‘Feira do Libro’ moi especial nunha tarde de sinerxias literarias entre escritores do Val Miñor e actividades para todas as idades. O obxectivo é crear un encontro ao redor da lectura propiciando o intercambio de experiencias enriquecedoras a través dunha ampla oferta de obradoiros (narrativa, poesía, teatro, contapintaconto, baile…). O horario completo coas actividades deseñadas desde Solaina está dispoñible na web www.nigran.es.

Artistas como a poeta Marta Dacosta encherán a sala de poesía con “Notas sobre a extinción”; o escritor e editor Fran Alonso realizará un recital poético “ Dende a terraza”; Luisa Martínez Lorenzo, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, realizará un obradoiro para adultos sobre “Libros de ciencia para irse á cama”; Noelia Muíños e Ramón Quintas, de Papelier, mostrarán o seu libro “ Camiño Portugués dá Costa”. En narrativa, Fran Fernández Davila estará a asinar a súa última novela “O Bosque do Duque”. O xornalista e director de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez, realizará un obradoiro de Creación de personaxes dramáticos. A escritora Soledad García estará a asinar “Un Paseo por Nigrán” e, xunto co grupo de fusión de arte Solaina, ao que pertence, realizarán un taller de pintacontacontos do seu libro “DEDAS” para todos as nenas e nenos que veñan á feira provistos do seu estuche de cores e do seu libro favorito para bailar con el. A librería ‘Paraísos de Papel’ colabora neste evento para facilitar aos asistentes a adquisición dos libros das escritoras e escritores presentes na feira.

Igualmente, o Concello disporá dun gran lote de libros de segunda man para que os asistentes leven a súa casa gratuitamente o exemplar que desexen co obxectivo é darlle unha segunda vida.

Descargar dossier dos escritores