Escola Municipal de Teatro

O CONCELLO DE NIGRÁN ESTREA DESDE O MES DE DECEMBRO A SÚA PRIMEIRA ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO

Ten un custe de 75 € todo o curso e as inscricións abren este 25 e 26 de novembro de 10:00 a 13:00 no Auditorio Municipal. Está dirixida pola compañía local ‘Teatro do Ar’ e aberta a todas as idades

Teatro do Ar creou un vídeo promocional nas súas redes que pon en valor patrimonio natural do Concello

Nigrán, 23/11/21.-

O Concello de Nigrán amplía a súa oferta cultural creando unha nova escola municipal de artes escénicas a través da compañía local Teatro do Ar. Deste xeito, os interesados en participar neste proxecto aberto a todas as idades poden inscribirse este xoves e venres (25 e 26 de novembro) de 10:00 a 13:00 no Auditorio Municipal, tendo o curso un custe total de 75 €. As clases arrancarán na vindeira semana (serán os xoves e venres) e o número de prazas é de 80 divididas en 6 grupos de idade (10 para nenos e nenas de 3 a 5 anos e 15 para os grupos de 6 a 11 anos, de 12 a 18 e de 18 en diante). As prazas irán cubríndose por orde de solicitude, estando pendurada na web municipal toda a información. O grupo Teatro do Ar creou un vídeo promocional nas súas redes que pon en valor patrimonio natural do Concello e na que os interesados poderán coñecelos mellor.

O teatro leva sendo un habitual nas programacións culturais de Nigrán dos últimos anos e o Concello tomou boa nota, por iso lanza xunto ao grupo local, Teatro do Ar, unha nova escola que se suma a música, pintura ou cerámica. O alcalde, Juan González, anima á veciñanza “a sumarse a unha escola innovadora, formada por xente de Nigrán, e aberta a todas as idades”, ao tempo que afirma que o Auditorio Municipal sempre estará “dispoñible para poder desfrutar dos resultados da súa aprendizaxe coas súas actuacións”.

A escola estará dividida en grupos segundo a idade e o nivel do alumnado, haberá clases para nenos e nenas de 3 a 5 anos e de 6 a 11 anos, para mozos e mozas de 12 a 18 e para adultos. O profesorado estará formado por membros de Teatro do Ar, entre eles un mestre de Estudios Superiores de Teatro, unha graduada en interpretación e con experiencia en teatro e televisión, un actor que ten nas súas costas aparicións en películas e series, dúas actrices especializadas en traballar con nenas e nenos e un escritor e dramaturgo.

O director de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez, agradece ao Concello “a súa aposta polas artes escénicas” e avisa á veciñanza de Nigrán que “quen empeza no teatro adoita a volverse adicto aos escenarios”. Ademais engade que “creamos unha escola na que aprenderemos a ser actores e actrices, pero que tamén nos axudara a mellorar na nosa vida diaria reducindo a nosa timidez, axudándonos a falar en público, aprendendo a traballar en grupo e mellorando a nosa memoria”.