ENTROIDO TELEMÁTICO 2021

 

 

 

O Concello de Nigrán celebrará este ano o entroido cun concurso de disfraces telemático dirixido a familias de conviventes co obxectivo de que se festexe esta tradicional data na intimidade familiar e, polo tanto, sen risco sanitario algún. Como incentivo para a participación, os premios constarán de tablets e cestas gastronómicas.

O certame está dirixido a calquera grupo de conviventes, independentemente da súa idade (mínimo 3 persoas) e de onde vivan. O requirimento imprescindible para todos os casos é que fagan unha foto de grupo onde se vexa un cartel que poña ‘Entroido Telemático 2021-Concello de Nigrán’ e sexa enviada con calidade suficiente a comunicacion@nigran.org entre o 12 e 16 de febreiro. Non se admitirá ningunha imaxe con posterioridade a esa data nin aquela na que non figure o cartel físico ‘Entroido telemático 2021-Concello de Nigrán’ que demostre que o grupo fixo esa foto ex-profeso para participar neste concurso. As imaxes serán subidas ao Facebook do ‘Concello De Nigrán’ a medida que se vaian recibindo (do 12 ao 16 de febreiro) e gañarán os tres grupos que sumen máis ‘Me Gusta’ (inclúe ‘Me Encanta’ ou ‘Me importa’) o 17 de febreiro ás 12:00 horas e aquel que non teña ningún (se é o caso). Cada grupo premiado recibirá unha tablet e unha cesta de produtos gastronómicos típicos do entroido galego.

«Ante a situación sanitaria organizamos este certame para animar ás familias a que se disfracen cos seus pequenos xa que non haberá o tradicional desfile escolar nin, por descontado, o concurso de comparsas organizado desde o Concello ou outras actividades», explica o alcalde, Juan González, quen agarda que no 2022 se poida festexar con normalidade.