Entroido 2023-Inscrición novas comparsas

ANUNCIO INSCRICIÓN NOVAS COMPARSAS

BASES

 

 

 

O CONCURSO DE ENTROIDO DE NIGRÁN TRASLÁDASE AO VENRES 24 COA POSIBILIDADE DE QUE SE INSCRIBAN NOVAS COMPARSAS

O Concello abre desde hoxe ao martes 21 (inclusive) a posibilidade de que se inscriban novas formacións

O certame mantense ás 21:00 horas co monologuista Pepo Suevos como presentador e a batucada ‘Bate no Cobre’ animando as rúas na apertura do desfile e durante a deliberación do Xurado

A programación municipal arrancará o luns co entroido infantil, baile e concurso de disfraces o martes 21 e, como peche, o ‘Enterro do Kiko’ o 4 de marzo

Nigrán, 17/02/23- O Concello de Nigrán apraza o tradicional concurso de comparsas previsto para este sábado 18 ao venres 24 de febreiro ás 21:00 horas ante a nova do falecemento hoxe de Javier Martínez Giráldez pescando en Monteferro, veciño de Parada moi coñecido en todo o municipio. O Concello abre desde hoxe venres ao martes 21 (inclusive) a posibilidade de que se inscriban novas formacións, que se sumarían ás 13 que xa o estaban.

O evento mantense exactamente igual, así, será presentado polo coñecido monologuista Pepo Suevos e contará coa animación de rúa a cargo da batucada ‘Bate no Cobre’ na apertura do desfile e durante a deliberación do Xurado.. O desfile, como é xa habitual, comezará ás 21:00 horas e irá por Rosalía de Castro (desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial) e o fallo e achega de premios será in-situ.

A día de hoxe (a falta deste novo prazo de inscrición) única comparsa representante de Nigrán será a xa habitual da Asociación Cultural Parada do Miñor con ‘Xeada’ e 67 participantes; por Gondomar estará a Asociación Políticamente Incorrectos con ‘A Valhalla Pode Esperar’ (51 persoas), O millor de cada casa de Vincios con ‘A maxia do cine’ (56), Ldanzia con ‘Mouline Rouge’ (90), Paradela con ‘Homenaxe a Grease’ (70) e A Merced de Chaín con ‘Grease’(50), Carnavales de Mañufe con ‘Pouco Corrente’ (54); por Baiona o Centro Cultural de Baiña con ‘Rock in Baiña’ (65). De Vigo estará Os da Casa con ‘Un mundo máxico’ (100) e o Centro Cultural de Valladares con ‘Valla-Space’ (65). Desde Tomiño acudirá ‘Luces de Tomiño’ con ‘Fantasía do Zodiaco’ (80) e Revolucion Show (43). Finalmente, a comparsa máis numerosa será a da Asociación de Veciños ‘A nosa terra de Pereiras’ (Mos)- ‘Mos, pueblo paleta’ con 108 participantes.

A programación do Concello arrancará finalmente o luns 20 de febreiro cunha festa de entroido infantil no Auditorio Municipal desde as 17:30 horas e, ao día seguinte, martes 21 desde ás 18:30 horas, organízase un baile con música en directo do trio Azar e concurso de disfraces para todos os públicos con premio para o disfrace máis simpático, máis elaborado e parella máis danzarina.

O seguinte prato estrela do entroido nigranés será a tarde do sábado 4 de Marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá desde a Casa do Concello tirado por un carro de bois para ser velado e sentenciado no Torreiro de Parada, onde haberá festa durante toda a tarde-noite. Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico ‘Enterro da Sardiña’, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con «kikos» (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 8 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois.