CONTACONTOS

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE UN CICLO DE CONTACONTOS INFANTÍS A PARTIR DESTE VENRES 30 DE SETEMBRO

Raquel Queizás presenta ‘Travesías. Contos pola Igualdade’ dirixido a crianzas a partir de 3 anos. Pola súa banda, os días 3 e 7 de outubro Beatriz Cabaleiro ofrecerá un obradoiro creativo de inglés para nenos e nenas de 6 a 10 anos. Todos serán no Auditorio Municipal ás 18:00 horas

Nigrán, 26/09/22.- O Concello de Nigrán, a través da Biblioteca Municipal, ofrece o 30 de setembro, 3 e 7 de outubro no Auditorio Municipal unha serie de contacontos infantís a través do programa de dinamización á lectura “Ler conta Moito”. Serán 3 espectáculos, o do venres 30 de setembro con Raquel Queizás con ‘Travesías. Contos pola Igualdade’, dirixido a crianzas a partir de 3 anos e cunha duración de 50 minutos. Agardan por nós viaxes cheas de aventuras nas que coñeceremos a nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños. Ata fai pouco os contos infantís reflectían un mundo onde os mozos eran sempre os heroes que salvaban a débiles princesas. Mais agora contamos con contos que transmiten valores de igualdade, de respecto e convivencia entre nenas e nenos.

Os días 3 e 7 de outubro, luns e venres, ás 18 horas correrán a cargo de Beatriz Cabaleiro con “Aprende Inglés con Clover”, un obradoiro creativo para nenos e nenas de 6 a 10 anos cunha duración de 75 minutos. Clover é unha porquiña norirlandesa que acaba de chegar ao equipo de baloncesto de Vila Liberdade. As súas manchiñas, coa curiosa forma do trevo, van chamar a atención das súas compañeiras e espertar as súas suspicacias. E como non hai mellor maneira de aprender que xogando e practicando, imos facer un xogo galego-inglés con Clover.