Concurso de vídeo e fotografía literaria: ‘Ollo con Nigrán’

BASES DO CONCURSO

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Volve “Ollo con Nigrán”, o certame que premia as miradas que atopen os tesouros naturais do municipio

Teatro do Ar e SomosTerra lanzan, en colaboración co Concello, a segunda edición deste concurso para potenciar a creación artística e divulgar a gran riqueza natural do municipio con 1.300 euros en premios para gastar no comercio local

As persoas que desexen participar teñen que gravar un vídeo de non máis de dous minutos ou unha fotografía onde se mostre a natureza de Nigrán xunto a un microrrelato, un poema, un conto ou unha obra de teatro

Nigrán ten unha natureza única, que inspira e que agocha moitos tesouros que hai que descubrir. Con esa idea naceu hai dous anos o certame “Ollo con Nigrán”, un concurso vídeo literario que quere potenciar a creación artística en lingua galega ao tempo que divulga a gran riqueza natural do municipio. Teatro do Ar e a Cooperativa SomosTerra, en colaboración co Concello, lanzaron hoxe a terceira edición dun concurso que formará parte da programación municipal dun mes de marzo moi especial que unirá a cultura coa natureza de Nigrán.
O certame tamén ten o obxectivo de visibilizar e premiar o comercio local. Por iso, repartíranse 1.300 euros en vales para consumir nos comercios que se sumen ao certame a través do seguinte formulario, son 300 euros máis que o ano pasado. O certame constará de tres categorías: Estelas, para nenos e nenas de Nigrán nada no ano 2013 ou posteriores, Lourido, mozos e mozas de Nigrán nadas entre o ano 2007 e 2012 e Monteferro, para persoas nadas antes do ano 2006. Ademais tamén haberá un premio do público de 100 euros para mercar no comercio local.
A data límite para participar é o 08 de marzo ás 00.00 horas e as persoas poderán presentar os seus traballos a través dun formulario online acompañado dunha PLICA cos datos do autor ou autora e o texto orixinal que se utiliza no vídeo. Dende Teatro do Ar e SomosTerra queren “animar a todas as persoas a participar” e agradecen ao Concello “que volverá apostar por este proxecto que quere encher as nosas pantallas coa beleza que agocha Nigrán”. Na edición do ano pasado presentáronse 26 vídeos.
O alcalde, Juan González, destaca que con este certame queremos mostrarlle a todo o mundo “que temos unha natureza privilexiada que ten de todo dende as praias ata os miradoiros máis impresionantes”. Ademais tamén incide que “Ollo con Nigrán nos permitirá ver as miradas que os veciños e veciñas teñen do noso municipios, descubrir xoias ocultas e aprender en conxunto que a nosa natureza é unha gran riqueza”.
As bases están dispoñibles aquí e as persoas poderán presentar calquera dúbida en cooperativa@somosterra.gal, grupoteatroar@gmail.com ou a través das súas redes sociais.