Ciclo ‘Redeiras’: Law/Sabela Cereijo

O CONCELLO DE NIGRÁN ESTREA ESTE DOMINGO NO AUDITORIO MUNICIPAL O CICLO MUSICAL ‘REDEIRAS’ CO CONCERTO DE LAW

Continúa o sábado 28 de Maio coa cantante Sabela Cereijo

Law é unha artista galega multidisciplinar, as súas composicións combinan influencias do R&B, o Hip-Hop, o Soul, e Pop e incluso melodías con reminiscencias niponas.

Nigrán, 12/05/22.- O Concello de Nigrán, con motivo do mes no que se conmemoran as Letras Galegas, estrea este domingo 15 de Maio (Auditorio Municipal, 20:00 horas) o ciclo musical ‘Redeiras’ co concerto de Law. O obxectivo é visibilizar proxectos do eido musical liderados por ‘Elas’ porque «ELAS cantan, elas recitan, elas compoñen… elas constrúen, vertebran, crean… elas tecen a sociedade». O ciclo, que continúa o sábado 28 coa cantante Sabela Cereijo, está deseñado por SUL producións.

Law é unha artista galega multidisciplinar, as súas composicións combinan influencias do R&B, o Hip-Hop, o Soul, e Pop e incluso melodías con reminiscencias niponas. Deste xeito, os seus temas adquiren unha sonoridade única e vibrante que dá lugar a un traballo planteado desde o equilibro entre a música urbana máis desenfadada e as súas coidadas letras e liñas melódicas. Na actualidade traballa, xunto ao músico/produtor Isaac Garabatos, nos seus novos temas e acompáñase en moitos dos seus concertos polo grupo GazzFunkdation.

O seguinte concerto será o sábado 28 de Maio no Auditorio Municipal co concerto de Sabela Cereijo, unha das máis recoñecidas cantantes do panorama musical galego e que trascende as nosas fronteiras. Voz de musicais (Hoy no me puedo levantar… ) e numerosos grupos e espectáculos (Cherry Sweet…), agora decide amosar da man do produtor, Isaac Garabatos, o seu traballo máis persoal e íntimo con “Siguiendo el juego”. Un disco de corte pop, elegante e coidado, cheo de enerxía e emoción e onde deixa fluír as súas influencias soul.