Chandefolk: Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE SÁBADO A XABIER DÍAZ E AS ADUFEIRAS DO SALITRE NUN ‘CHANDEFOLK’ QUE RECUPERA A OBSERVACIÓN DAS PERSEIDAS O DÍA ANTERIOR

O prestixioso músico, lenda viva da pandeireta, ofrece no merendeiro de Chandebrito ás 22:00 horas un concerto no que recompilará temas dos seus tres discos coas ‘Adufeiras’ acompañado delas e de Roberto Grandal ao acordeón e Ivan Costas á zanfoña

O festival, organizado polo Concello de Nigrán xunto coa Comunidade de Montes, Asociación de Festas e Veciños da parroquia, recupera este ano a observación das perseidas este venres 19 de agosto ás 22:00 con saída do campo de fútbol de Chandebrito

«Chandefolk é xa un referente da música folk en toda Galicia, tanto polos grupos que teñen pasado como pola singularidade do lugar», sinala o alcalde, Juan González

O Concerto será signado e as mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail info@entresignos.com ou no WhatsApp 690679675

Nigrán, 17.08.22.- O Concello de Nigrán consagra este ano o festival Chandefolk a ‘Xabier Diaz e as Adufeiras do Salitre’ ofrecendo este sábado 20 de agosto ás 22:00 horas no merendeiro de Chans de Rapadouro (Chandebrito, xunto ao campo de futbol) un concerto que recompilará os tres discos xuntos desde o ano 2014. O espectáculo, co que colabora a Asociación de Veciños, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia, forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra de promoción e difusión de música galega. O concerto será signado e as mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail info@entresignos.com ou no WhatsApp 690679675 (precisamente, estas mochilas foron estreadas no Chandefolk 2019 con Roi Casal). A entrada é de balde e no recinto haberá barra con bebidas e chouripáns.

O evento retoma o formato pre-pandemia celebrándose na parroquia o día anterior (venres, 19 de agosto) unha observación das perseidas a cargo dun astrónomo de ‘Trevinca Skies’. Os interesados en participar tan só teñen que presentarse ás 22:00 horas no campo de fútbol de Chandebrito (ao carón do Chandefolk), desde alí sairase camiñando á zona de Chan de Rapadouro, zona libre de contaminación lumínica e, polo tanto, idónea para a observación.

«Chandefolk é xa un referente da música folk en toda Galicia, tanto polos grupos que teñen pasado (Xulio Lorenzo, Roi Casal, Milladoiro e Budiño) como pola singularidade do lugar, e agora crecerá todavía máis grazas a Xabier Díaz, referente de todos os pandereteiros e pandereteiras», sinala o alcalde, Juan González», quen destaca o «máxica e íntima» que resulta a ubicación en Chandebrito, «a simbiose é perfecta».

Xabier Díaz (voz e percusión, lenda viva da pandeireta) estará acompañado no escenario polas sete ‘Adufeiras do Salitre’, Roberto Grandal ao acordeón e Ivan Costas á zanfona. Xuntos repasarán durante 90 minutos temas dos seus tres discos xuntos desde o ano 2014, todos eles procedentes do cancioneiro popular galego e recollidos por Xabier nun traballo de campo que iniciou no ano 1989. «Moitos os interpretamos desde unha perspectiva actual e persoal, pero o substrato son todas as grabacións que no seu tempo realicei», explica Díaz, quen destaca que será un concerto para un público familiar que poderá disfrutar todo o mundo.

«A pandeireta é un instrumento tan noso como a gaita e, en realidade, é máis poupular e incluso máis extendido. Os gaiteiros participaban puntualmente nas festas do pobo, pero en cada barrio e en cada aldea había mulleres pandereteiras que mantiveron vivo o cancioneiro popular», defende Díaz, quen considera o éxito das Tanxugueiras (xunto ás que ten tocado, coma con Guadi Galego), «unha maneira de promover o acercamento de todo tipo de públicos á música tradicional galega». Díaz, quen formou parte de Berrogüeto co nigranés Guille Fernández, defende «o lenguaxe universal da música tradicional», motivo polo que encaixa en tódolos lugares do mundo.

Ao longo dos anos, Díaz realizou un feixe de colaboracións en discos e concertos de diferentes artistas: Carmen París, Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera, Guadi Galego e Os Cempés, entre outros/as. Así mesmo, emprendeu numerosas viaxes para levar a música a México, Cimbabue, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina, Noruega, Bélxica, Cuba, Escocia, Irlanda, etc.

No ano 2015 editou ‘The tambourine man’ xunto ás Adufeiras de Salitre, galardoado como o mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente (2016) e o mellor álbum na categoría de música tradicional dos Premios Martín Códax da Música Galega (2016). Con el tamén obtivo o premio á mellor canción en galego da primeira edición dos premios aRitmar. Alén diso, The tambourine man, permitiulle manterse no top ten da World Music Charts Europe nos meses de febreiro e marzo de 2016.

Chegou despois “Noró, Algunhas músicas do Norte” (Músicas de Salitre 2018) e unha extensa xira coa que, nos últimos anos, o grupo percorreu Noruega, Suecia, Francia, Bélxica, Escocia, Uruguai, Inglaterra ou Arxentina.

“As Catedrais silenciadas” (Músicas de Salitre 2020) é o terceiro e máis recente traballo coas Adufeiras de Salitre, un álbum que reflexiona sobre o despoboamento, o abandono do rural e o risco de perdermos a identidade e a cultura propia nunha sociedade como a galega.