Carlos Núñez no Miradoiro de Monteferro

O CONCELLO DE NIGRÁN CONSOLIDA A COMUNIÓN ENTRE CARLOS NÚÑEZ E MONTEFERRO CUN NOVO CONCERTO NO SOLPOR
DO 2 DE AGOSTO

O gaiteiro internacional anuncia a súa cita ineludible co verán nigranés. As entradas están xa á venda a través da web www.carlosnunezentradas.com

Nos vindeiros días Britanny Ferries estreará o vídeo do seu último concerto en Monteferro, imaxes e música que deleitarán aos máis de 2 millóns de pasaxeiros que cada ano elixen este transporte marítimo

«O vínculo entre Carlos Núñez e Monteferro é xa indisoluble e estamos moi agradecidos de que así sexa», incide o alcalde, Juan González

«O sitio é inigualable, cara o Océano Atlántico, nun dos lugares máis fermosos de Galicia, e no momento máxico do solpor», valora Núñez

Nigrán, 19.06.25.- O Concello de Nigrán reafirmará o sábado 2 de agosto a especial comunión entre o mellor gaiteiro do mundo e o mellor escenario do mundo no momento máis espectacular do día: Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro coincidindo co xa famoso solpor cara o Oceáno Atlántico e as Illas Cíes e Estelas. O espectáculo, que forma parte da programación estival do Concello de Nigrán e conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través do ‘Plan + Provincia’, terá lugar ás 20:00 horas e, tras máis de 10 concertos en 5 anos neste mesmo lugar, promete ser único, con moitas sorpresas e novidades por desvelar. Como cada ano desde 2020 coa súa xira ‘Lugares Máxicos’, o obxectivo do gaiteiro internacional é enfeitizar aos asistentes grazas a especial sinerxia da súa música coa natureza e o crepúsculo. As entradas, cun prezo de 27,50 (gastos de xestión incluídos) xa están á venda a través de www.carlosnunezentradas.com .

Precisamente, nos vindeiros días Britanny Ferries estreará o vídeo do seu último concerto en Monteferro, estas imaxes e a música de ‘Celtic Seas’ (o seu derradeiro disco, feito para conmemorar os 50 anos da compañía) deleitarán aos máis de 2 millóns de pasaxeiros que cada ano elixen este transporte marítimo para comunicarse con Inglaterra, Irlanda, Bretaña, Normandía ou o Norte de España.

«O escenario é inigualable, cara o Oceano Atlántico, nun dos lugares máis fermosos de Galicia, e no momento máxico do solpor, polo que a música soará na súa máxima expresión, en absoluta comunión co escenario”, valora Carlos Núñez.

«Estamos moi orgullosos de contar cada ano co mellor gaiteiro do mundo no mellor escenario do mundo; cada concerto aquí é único. O vínculo entre Carlos Núñez e Monteferro é xa indisoluble e estamos moi agradecidos de que así sexa», incide o alcalde, Juan González.

Como sempre, co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo sen impacto algún, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas xustificados de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comunión coa propia natureza.