
O CONCELLO DE NIGRÁN ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS CAMPUS DEPORTIVOS DE VERÁN
Ofértanse un total de 915 prazas con prioridade para empadroados. Iranse desenvolvendo semanalmente desde o 24 de xuño ao 6 de setembro e abranguen 8 disciplinas deportivas con ximnasia acrobática como novidade
A petición do Consello Municipal da Infancia, ofrécense 3 campus multideportes para que a rapazada poida practicar nunha única semana diferentes deportes
Nigrán, 06/06/24.- O Concello de Nigrán, coa colaboración dos clubes do municipio, ofrece un ano máis desde finais de xuño a inicios de setembro oito modalidades de campus deportivos cun total de 915 prazas destinadas a crianzas e adolescentes (prioridade empadroados). O obxectivo é ofrecer actividades saudables que faciliten a conciliación laboral e familiar durante ás vacacións escolares ao tempo que se incentiva o deporte base. O prazo de inscrición está aberto e cada persoa interesada debe porse en contacto con cadanseu clube no mail ou teléfono que aparece na cartalería.
Aos habituais campus de tenis, baloncesto, patinaxe, rítmica, surf, vela lixeira, actividades náuticas e fútbol, engádese por vez primeira un de ximnasia acrobática e tres de multideporte, cuestión esta última que solicitara expresamente o Consello Municipal da Infancia. O prazo de inscrición aos mesmos está aberto, dispondo os interesados de toda a información na web municipal (datas, mails de contacto e teléfonos, lugar de celebración, prezo, idades, etc). Todos teñen unha duración de cinco días (de luns a venres) e un custe de entre 60 e 75 €, arrancando con actividades náuticas e vela lixeira o día 24 de xuño e finalizando con surf do 2 ao 6 de setembro. En todos eles o Concello aportará a merenda diaria e a cobertura do seguro e darase prioridade ás criazas empadroadas.
«Trátase, xunto co campamento municipal, dunha iniciativa para facilitar a conciliación familiar mediante actividades saudabeis ao aire libre e de promover o deporte desde a infancia dando cabida a disciplinas para todos os gustos e confiando nas entidades deportivas de Nigrán, que son as que teñen a verdadeira experiencia», indica o alcalde, Juan González. documento xeral


