APERTUKE 2024

NOVA EDICIÓN DO APERTUKE EN NIGRÁN

Un ano máis, Nigrán acolle o V Festival de Percusión Afrobrasileira «Apertuke», organizado pola Asociación de Percusionistas e Tamborileir@s APERTA, coa colaboración do Concello de Nigrán e da Deputación de Pontevedra. O evento terá lugar os días 31 de agosto e 1 de setembro no complexo deportivo municipal «Dunas de Gaifar» en Panxón.

Durante dous días, o festival ofrecerá concertos, batucadas, pasarrúas, xogos, animación de rúa, espazo infantil e obradoiros de percusión e danza. Tódalas actividades, agás o obradoiro de percusión, serán de balde. No recinto tamén haberá unha barra, postos de comida e artesanía. O obxectivo do Apertuke é ofrecer un evento musical diferente, próximo, igualitario, participativo, social, horizontal, aberto, educativo e respectuoso coas persoas e co medio ambiente.

O sábado 31 pola mañá, Miguel Moreno e Catherine Díaz da Asociación Mudarte (Cáceres) impartirán un obradoiro de Samba Reggae, Expresión e Movemento, mentres Matrácala ofrecerá un obradoiro infantil de percusión con instrumentos reciclados.

Pola tarde, será a quenda dos grupos de percusión coas actuacións da escola e do bloquinho Aperta, anfitrións e organizadores do festival, e do Bloquinho de Xermolos, dende Guitiriz. Tiempo al Tiempo, grupo de percusión que nace ao abrigo da Asociación Mudarte, faranos desfrutar do espectáculo «Percusión en Movimiento” cunha variedade de ritmos de samba reggae e afro samba, combinados coa riqueza do movemento e da expresión corporal que provén do teatro e da danza co instrumento.

Peter Punk Pallaso presentará e animará a tarde cun espectáculo para peques e maiores, mentres Barafunda traerá un espazo de xogos e animación infantil con tres obradoiros. Xa cara á tardiña, dende Gran Canaria, Hey Chabón abrirán as actuacións de escenario co seu potente directo de fusión de músicas do mundo.

Tralo solpor, continuará a programación con cucañas populares e un obradoiro de danza afrohouse, gratuíto e impartido por Geni Muxima. De seguido, xa de volta no escenario, será o turno de Sacha na Horta, que nos traerán o seu estilo propio, agro-punkcharanga, onde as voces das mulleres levan todo o protagonismo. Tambores da Lagoa seguirán coa alegría dos ritmos e bailes afrobrasileiros e, xa para rematar as actuacións de escenario, virán Cafuné dende Madrid cun espectáculo vibrante que contará con once músicos no escenario e un show no que non pararás de bailar ao ritmo de batucada, reggae, ska, cumbia e funk. O fin de festa poñerao o dj Nenaza, que fará a súa sesión xogando con diferentes estilos, misturando ritmos de neoperreo e funk con electrónica, deconstructed e guaracha.

A programación continuará o domingo 1 a partir das 13:00 h., cun gran pasarrúas que percorrerá o paseo marítimo de Panxón con tódolos participantes no obradoiro do sábado.

Toda a programación e información do festival está dispoñible na súa páxina web www.apertuke.com e nas súas redes sociais.

Prezo: Tódalas actividades, agás o obradoiro de percusión para adultos, son de balde.

Vídeo resumo da edición anterior: Apertuke 2023