VII Festival Míudo ‘Parrulas Fest’

 

 

O CONCELLO DE NIGRÁN FESTEXA A SÉPTIMA EDICIÓN DO
‘PARRULAS FEST’ DO
3 AO 6 DE AGOSTO NA FOZ CON ESPECTÁCULOS PARA TODA A FAMILIA

O festival miudo de Nigrán regresa coa presenza de 9 compañías galegas e unha andaluza e unha gala final de ‘Pallasos sen fronteiras’ adicada, máis que nunca, a infancia de Gaza

A igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor volven a ser os protagonistas deste festival que mestura espectáculos de clown, circo, acrobacia, música ou malabares

O evento máis agardado pola cativada de Nigrán e as súas familias volverá a divertir na Foz con actuacións de máxima calidade”, asegura o alcalde, Juan González, quen reafirma con este festival o compromiso de Nigrán con Palestina

Nigrán, 29.07.26.- O Concello de Nigrán entrégase novamente ao máximo goce das crianzas do luns 3 de agosto ao xoves 6 a través do ‘Parrulas Fest’, o ‘festival míudo’ máis agardado polas familias de toda a comarca e que ten lugar de xeito gratuíto no escenario ao aire libre do esteiro de A Foz. Nesta séptima edición, a cita contará con 8 compañías galegas e unha andaluza de artes escénicas de primeiro nivel (desde clown a circo, acrobacia, música, malabares…), e rematará cunha gala solidaria a prol de Gaza (Palestina) organizada por ‘Pallasos sen fronteiras’ e dirixida por Peter Punk, nome artístico do nigranés Isaac Rodríguez, cabeza máis visible do festival. Como xa é habitual, haberá sesións matinais adicadas á primeira infancia (martes e mércores ás 12:00 horas) e o resto das actuacións serán, coma sempre, ás 19:30 e 20:30 respectivamente. Toda a programación é gratuíta e pode consultarse na web do Concello de Nigrán www.nigran.es. O Parrulas Fest está organizado desde o Concello de Nigrán a través da Cooperativa Galega de Artistas Charlatana e conta con financiación da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’.

“O evento máis agardado pola cativada de Nigrán e as súas familias volverá a divertir na Foz con actuacións de máxima calidade”, resume o alcalde, Juan González, quen engade que se trata dunha parte imprescindible na programación de verán do Concello de Nigrán, xa que “cada ano reúne a centos de familias que agardan desfrutar xuntas de espectáculos de calidade nunha contorna marabillosa ”.

O festival arranca o luns 4 co espectáculo de novo circo de ‘Isla le triska’ chamado ‘Le triska inmóbile’ e o teatro xestual con mestura de danza e acrobacias ‘Circanelo’ de ‘N+1’. O martes ás 12:00 horas Marta Ortiz presenta ‘Canta, buguina canta’, unha sesión poético-musical para a primeira infancia. Xa pola tarde a compañía ‘A cova das letras’ ofrecerá ‘Mariñeiras’, un show interactivo en clave de humor e, a continuación Natalia Outeiro-‘Pajarito’ amosará a súa road-movie ‘A Estrada’. O Parrulas Fest abre o mércores cunha nova sesión infantil ao mediodía a cargo da educadora e antropóloga María da Pontragha coa función ‘Estrebillos’, unha mestura de música e palabra. Pola súa banda, a sesión de tarde a abrirá o andaluz ‘Antuán de la Cream’ en clave de clown e ‘Patty Diphusa’ pechará o mércores cun espectáculo humorístico que busca o empoderamento do público. O Parrulas Fest remata o xoves co concerto de punkinfantil de Brais das Hortas e Peter Punk e, de broche final, a gala solidaria de Pallasos sen Fronteiras a favor da infancia de Gaza dirixida polo anfitrión Peter Punk e que conta coa presenza de diversos artistas (todo o recadado mediante a ‘gorra solidaria’ irá directamente a este fin).

Fieis aos nosos principios, presentamos unha programación variada e coidada na que, como sempre, destacan valores como a igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor. Ao mesmo tempo favorecemos a socialización con familias e amizades e sementamos nos cativos o amor pola cultura e a lingua galega. Neste ano, como non pode ser doutro xeito, adicamos a gala solidaria a proxectos destinados á infancia de Gaza, como non podería ser doutra maneria”, resume Isaac Rodríguez, ‘Peter Punk’.

COMPAÑÍAS:

 

LUNS 3 DE AGOSTO

ISLA LE TRISKA (Galiza) 19:30 

LeTriska Inmóbile

Isla LeTriska presenta este delirante espectáculo no cal combina disciplinas de Novo
Circo: malabares, paiaso, equilibrios… con excentricidades e xogos co público
Un personaxe eléctrico e bastante tolo sorprenderá a todos realizando proezas
como: malabares incribles, memorizar centos de nomes, darlles novos usos a
obxetos cotiáns, pelexar co público ou converter a un neno nun grande artista de
circo. Habilidade, perspicacia, velocidade mental e sobretodo tontería, moita
tontería. Pequenos e grandes sacarán ó tolo que levan dentro.

N+1 (Galiza) 20:30 

Circanelo

Circanelo é teatro xestual, danza e acrobacia; é espontaneidade, sorpresa e diversión; entusiasmo, ternura e inxenio. Unha personaxe de múltiples recursos que combina diferentes disciplinas tuteladas por un marcado rexistro clownesco para crear unha historia absurda sobre un artista coa intención de presentar o seu espectáculo.
O público o acompañará nesta viaxe por un mundo de emocións, xogo e improvisación, atentos ós conflictos de este paiaso que non dubida en exporse, en mostrarse para chegar a grandes e a nenos. Espectáculo versatil adaptable a calqueira espacio escénico: sala, rúa e café teatro.

MARTES 4 DE AGOSTO

 

MARTA ORTIZ (Galiza) 12:00 

Canta, Buguina, canta!

Canta, Buguina, canta! Canta para nenos e nenas, para viaxar xuntas en igualdade, con amor e respecto. Soprando a nosa buguina, comezaremos a viaxe polo mar. Visitaremos illas onde viven caracois, galiñas poñedoras e vacas. Regaremos a herba. Xogaremos coa marea que sobe e baixa. Cantaremos cancións sobre a lúa e faremos barcos de papel para continuar viaxando lonxe. Brincamos coa imaxinación recreando animais con obxectos, barcos e illas de papel, un mar de tea ao son da música e as palabras.

Canta, Buguina, canta! é un espectáculo para primeira infancia que ten como obxectivo xogar coa palabra e a poesia, coas cancións e contos, cos xogos visuais e sonoros que serán o berce da literatura.

A COVA DAS LETRAS (Galiza) 19:30

Mariñeiras

O soño de Mariña é ser patroa e durante sete días consecutivos adicaranse a superar as probas necesarias para acadalo.
Ao longo da historia coñeceremos a loita interna no proceso de acadar o seu obxectivo na vida: levar o seu propio timón. Un espectáculo interactivo que versa sobre a vida mariñeira e a aprendizaxe do oficio do mar, deste xeito o público asistente mergullaráse en cantigas mariñeiras, nas partes dunha embarcación, na xerga mariñeira, cartografía … Todo en clave de humor, música e a forza das mulleres.

PAJARITO (Galiza) 20:30 

A Estrada

A ESTRADA é unha road movie cunha pallasa ao volante.
Pajarito está perdida, ten que fuxir do punto no que está, ainda que non saiba a onde. Polo camiño non fará máis que dar voltas atravesando cidades, desertos e rotondas, moitas rotondas. Unha persecución, unha viaxe trepidante chea de maxia e gags, na que fai falla perderse para volver a atoparse.
A ESTRADA é novo espectáculo de clown de Natalia Outeiro «Pajarito», unha travesía por un territorio imaxinario, onde os referentes cinematográficos son constantes.

 

MÉRCORES 5 DE AGOSTO

MARÍA DA PONTRAGHA (Galiza) 12:00 h

Estrebillos

María da Pontragha é educadora e antropóloga, dende sempre mantivo un vínculo moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en sí. No 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose en todo o que rodea a oralidade.
En Estrebillos atoparemos contos e cancións para mata-lo tempo e estrebillar un pouco. A quen non lle gusta que lle fagan un estrebillo? Vente xogar coas palabras e as emocións. Percorreremos historias de pouca volta e pasarémolo de marabilla.

ANTUÁN DE LA CREAM (Andalucía) 19:30 h

Antuán De La Cream

Se existe unha montaña rusa do riso, esa é Antuán de la Cream. O espectáculo que presenta é unha viaxe humorística ao máis puro estilo Clown. Nel oscilará dende a serenidade ao nerviosismo, provocando gargalladas que acompañarán ao seu público por este periplo onde Antuán case nunca perde o control…
A naturalidade e o salero desta personaxe logran conectar velozmente co público. Coa inquietude que o caracteriza, e como bo amante da improvisación, a este pallaso encántalle verse en problemas e facer da resolución destes o momento triunfal da velada.
Un carrusel de emocións do que ninguén quererá baixarse.

PATTY DIPHUSA (Galiza) 20:30 h

Superharte

¿Como conseguir evitar que o medo te paralice, cando eres pequena e todos te din que non podes? A clave está en SUPERHARTE. Un espectáculo cunha mensaxe de empoderamento para o público: vencer o medo e ser capaz de facer o que semella imposible.
Buscando a confianza en si mesma e grazas ó apoio do público, Patty conseguirá chegar ó máis alto. Compartindo polo camiño a alegría da superación constante dos temores máis profundos.
Porque por moi complicado que pareza, por moi grande que sexa o globo, por tola que sexa a idea, Patty consegue con esforzo e ilusión conquistar proezas que moitos creerían inalcanzables para ela.
Porque se te din que non es capaz ti failles ver que están equivocados.

 

XOVES 6 DE AGOSTO

PETER PUNK E BRAIS DAS HORTAS (GALIZA) 19:30 h

Concerto PunkInfantil

Punk para nenas? Por que non?! E logo? Que hai máis punk ca unha nena?
O punk é rebeldía, é pensar por ti mesma. Do it Yourself!! Faino ti ao teu xeito!! Como poidas, como queiras e como che preste!
O punk é ir a contracorrente, non ser coma a maioría porque cada unha de nós é diferente. O punk é berrar, rir, facer pis… e tamén escribir as túas propias cancións, facer a túa banda, atopar a túa personalidade.
O punk é protestar. Quen non chora, non mama!! Sabemos o que queremos, sabemos o que non queremos e estamos dispostas a chorar, cagar e patexar!! Se non podemos xogar, non é a nosa revolución!
Un cantante punk e un cantante infantil condenados a compartir escenario acaban creando un delirio musical chamado «Concerto Punklnfantil». Tras descubrirse e recoñecerse van confluíndo, progresivamente, nun espazo común dando como resultado este espectáculo musical e de clown para todos os públicos, no que está
presente o concepto punk máis alá dos aspectos máis superficiais. Vencellado directamente co mundo infantil e as inquedanzas das cativas e cativos.
GALA SOLIDARIA POR GAZA ‘PALLASOS SEN FRONTEIRAS’ 20:30 h

Un ano máis non podía faltar a Gala Solidaria de «Pallasos Sen Fronteiras» no Parrulas Fest. Unha gala moi especial á gorra presentada por Peter Punk Pallaso e na que diversas artistas ofrecerán un espectáculo para apoiar a PALLASOS SEN FRONTEIRAS, unha organización que desenvolve o seu traballo a favor da infancia máis desfavorecida do estado. Así mesmo tamén actúa a nivel internacional para mellorar a situación emocional de nenos e nenas refuxiadas, desprazadas e afectadas por conflictos armados e desastres naturais.
Este ano, a recadación da gorra solidaria destinarase a futuros proxectos de PALLASOS SEN FRONTEIRAS dirixidos á infancia de Gaza e Palestina.