Programación de San Fiz

O CONCELLO DE NIGRÁN ABRE O MARTES COA PROXECCIÓN DE ‘SAN SIMÓN’ A PROGRAMACIÓN POR SAN FIZ, PATRÓN DO MUNICIPIO

A longametraxe na que participaron 60 extras de Nigrán serán proxectada na Praza do Concello ás 22:30 horas

Ademais, o Concello ofrece verbena a noite do venres e do sábado no torreiro do Ceán con D’Lider e Ritmo o primeiro día e Orquesta Compostela o segundo

Nigrán 25/07/26.- O Concello de Nigrán abrirá a programación de San Fiz, patrón do municipio, o martes 28 de xullo coa proxección da película ‘San Simón’ ás 22:30 na Praza do Concello. Nesta longametraxe dirixida por Miguel Ángel Delgado participaron 60 veciños de Nigrán como extras, polo que o consistorio considerou oportuno achegar este filme estreando o ano pasado e que narra o periodo histórico en que a illa, antigo lazareto, funcionou como unha das máis terribles prisións franquistas de todo o país.

A programación por San Fiz, toda a cargo do Concello, regresa o xoves 30 de xullo cun concerto de música de cámara ás 20:30 horas na Igrexa do Ceán. Neste espazo, o trío composto pola soprano Indra Sesti, a violonchelista Rebeca Núñez e o clarinetista David Piñeiro ofrecerán un programa musical conformado por obras de Vivaldi, Haendel, Albéniz e Gerónimo Giménez. A continuación, ás 21:30 horas na Praza do Concello, soará música en directo do grupo vigues The Tremenders cun repertorio adicado ao soul máis visceral.

A tradicional noite de festa vivirase nas noites do venres e sábado no torreiro do Ceán con verbena a partir das 21:00 horas a cargo de D´Lider e Ritmo o primeiro día e Orquesta Compostela o segundo. No propio día de San Fiz, como é tradición, a Banda de Música do Val Miñor dará un pequeno concerto na Praza do concello ás 11:00 horas para, a continuación, trasladarse ao Ceán, onde a Coral Novos Aires de Nigrán cantará na Misa Maior e, tras a procesión, a banda de música volverá a ofrecer un concerto mentras os asistentes poden degustar o tradicional polvo (ademais, no torreiro haberá cantina).