VERMÚ DE BARRIO

 

O CONCELLO DE NIGRÁN ARRANCA ESTA FIN DE SEMANA ‘VERMÚ DE BARRIO’ CON ‘MONOS IN ARMS’ O SÁBADO E ‘SONBEAT’ O DOMINGO

O primeiro concerto terá lugar en Patos e o segundo na Praza da Biblioteca. As citas repítense en distintos puntos do municipio o venres 19 con ‘Noite Son’, o 26 con ‘Three Roosters’ e o 28 con Antía Pinal

Nigrán, 09/06/26.- O Concello de Nigrán dedica este mes de xuño ao seu xa clásico ‘Vermú de barrio’, unha mestura de boa música en directo e socialización ao aire libre en diferentes localizacións. O ciclo arranca cunha dobre sesión esta fin de semana, o sábado 13 de xuño no paseo da praia de Patos con ‘Monos in Arms’ (12:30 horas) e o domingo 14 coa escola de música ‘Sonbeat’ (17:30 horas) na Praza da Biblioteca. Continúa o venres 19 con ‘Noite Son’ na terraza do Centro da Terceira Idade da Alameda da Ramallosa (20:00 horas), o venres 26 con ‘Three Roosters’ ás 20:00 horas na Praza do Concello e, finalmente, pecha ‘Vermú de Barrio’ Antía Pinal o domingo 28 ás 12:30 horas (Praza do Concello). A iniciativa do Concello de Nigrán conta con parte da financiación a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’ da Deputación de Pontevedra.

Vermú de barrio naceu desde o Concello de Nigrán para apoiar aos músicos locais ao tempo que axudamos a dinamizar o comercio local e a xente socializa”, indica o alcalde, Juan González, sobre estos concertos que se levarán adiante sempre que as condicións climatolóxicas o permitan, polo que a información estará actualizada sempre en redes sociais en caso de cambios. “A idea é encher de xente as rúas nun horario familiar que facilita a conciliación e a socialización de todas as idades”.

Monos in Arms – 13.06.26 – 12:30 horas, Patos

‘Monos in Arms’ é un trío que está especializado en realizar concertos de versións funk dos grandes clásicos do pop, rock e soul. composto por unha guitarra/voz, un baixo e un batería.

Sonbeat – 14.06.26 – 17:30 horas, Praza da Biblioteca

A escola de música do Val Miñor ‘Sonbeat ofrecerá o seu concerto de fin de curso cun repertorio de máis de trinta cancións de diferentes estilos, desde pop, rock a blues, funk, jazz… O alumnado dos diferentes departamentos da escola tocará en directo acompañado do seus respectivos profesores co obxectivo de gozar e facer gozar da música en directo.

Noite Son – 19.06.26 – 20:00 horas, Terraza do Centro da 3ª Idade (A Ramallosa)

Noite Fernández Guardoila acompáñase só da súa guitarra acústica e dun pequeno set de percusión que manexa cos pés (un bombo e un pedal de percusión), crea unha experiencia íntima e chea de ritmo. Ademais, está comezando a introducir loops nalgúns temas para enriquecer aínda máis o que fai.

Three Roosters – 26.06.26 – 20:00 horas, Praza do Concello

Grupo miñorano de Rock, Folk & Country con temas propios e versións, liderado polo nigranés Berto Misa á guitarra, e os vigueses Bruno Figueiras á voz e Fran Sánchez ao baixo

Antía Pinal – 28.06.26 – 12:30 horas, Praza do Concello

Cantante viguesa de 21 anos gañadora do programa ‘La Voz 2025’, ven de publicar o seu primeiro single, que presentará neste concerto xunto a temas que interpretou en La Voz.