SOLICITUDE VINILO: ‘SOMOS BANDADA ANTE O SILENCIO’

FORMULARIO DE SOLICITUDE DO VINILO AMOSADO NESTA IMAXE

O CONCELLO DE NIGRÁN ANIMA AO COMERCIO LOCAL A SUMARSE
Á CAMPAÑA DE SOLIDARIEDADE CON PALESTINA ‘SOMOS BANDADA ANTE O SILENCIO’

Ofrecerá gratuitamente a aqueles comerciantes interesados un vinilo cunha pomba cos colores da bandeira de Palestina co lema ‘Somos bandada ante o silencio. #NigránConPalestina’

Somos un municipio que non cre na indiferenza, queremos que o noso pobo visibilice a súa oposición a semellante barbarie e sumarnos a ola de condena internacional a Israel. Isto non vai de cores políticas, isto vai de dereitos humanos”, resume o alcalde, Juan González

Nigrán, 25/05/25.- O Concello de Nigrán dá un paso máis na súa condena á barbarie contra o pobo palestino pedíndolle ao comercio local que visibice nos seus escaparates a súa solidariedade con Gaza. Con este obxectivo, o Concello achegará de xeito gratuíto, e a todo aquel que o solicite, un vinilo cun debuxo dunha pomba cos colores da bandeira palestina co lema ‘Somos bandada ante o silencio. #NigránConPalestina’. Os interesados poderán solicitalo a través do formulario https://forms.gle/YHVZUH52iazvTKTm8 pendurado na web www.nigran.org e poderán requirilo en tamaño folio ou algo máis grande, en A3 (o vinilo é un plástico que se adhire ao cristal sen danalo e sen necesidade de pegamentos, podendo despois retiralo sen ningún problema). A campaña figurará tamén ben visible en tódolos espazos municipais.

Somos un municipio que non cre na indiferenza ante o que está a acontecer, queremos que o noso pobo visibilice a súa oposición a semellante barbarie e sumarnos a ola de condena internacional a Israel. Isto non vai de cores políticas, isto vai de dereitos humanos e de empatía”, resume o alcalde, Juan González, quen en maio de 2024 levou a pleno unha moción do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (entidade que preside) na que se aprobou coa abstención do PP unha moción esixindo o fin do ataque a Gaza e a retirada das tropas israelís. Xa máis recentemente, en agosto, o Concello pendurou unha pancarta na súa fachada na que se le ‘Nigrán, non somos indiferentes. Paremos o xenocidio’, e a maiores fixéronse pulseiras co mesmo lema para repartir entre a veciñanza.

Estamos nunha catástrofe humanitaria sen precedentes e temos claro que Nigrán non vai a mirar cara a outro lado e de que está no lado correcto da Historia, os que calan agora nun anos sentirán vergoña da súa postura”, incide. Neste sentido, tal e como recollía a moción de 2024, Nigrán manifesta a súa solidariedade e apoio á poboación palestina, tanto residentes como no exilio, que sofren as consecuencias desta guerra de ocupación exercida por Israel desde hai 75 anos.

“Unha paz xusta e duradeira esixe acabar coa ocupación dos territorios palestinos por parte de Israel e recoñece o dereito á autodeterminación do pobo palestino, observando o dereito Internacional e as resolucións da ONU”, insiste.