Escola Municipal de Música Curso 25/26

 

O CONCELLO DE NIGRÁN AMPLÍA A SÚA OFERTA FORMATIVA MUSICAL PARA SER RECOÑECIDA OFICIALMENTE COMO ESCOLA MUNICIPAL

O Concello investiu 86.000 € este curso no que se estrean as especialidades de Batería, Baixo eléctrico, Canto e ‘Música e Movemento’, cumprindo así os requirimentos para ser declarada ‘Escola Municipal’

As implementacións permiten aumentar as prazas dispoñibles de 60 a 150 e o número de profesores de 2 a 6

O maior logro é que achegamos o acceso á música a toda a veciñanza, cunha oferta de calidade ampla e variada e sen límite de idade, calquera persoa de calquera condición pode formarse nun instrumento grazas a nosa escola pública”, valora o alcalde, Juan González

Nigrán, 22/09/25.- O Concello de Nigrán volve a ampliar exponencialmente a oferta de formación musical pública asumíbel para toda a veciñanza a partir dos 4 anos de idade e sen límite. Deste xeito, a incorporación este curso das especialidades de Batería, Baixo eléctrico, Canto e ‘Música e Movemento’ (isto último só para crianzas de 4 a 7 anos) permiten que, tras anos de traballo e investimentos, o Concello poida pedir xa á Xunta a declaración oficial de ‘Escola Municipal de Música’ ao cumprir con todos os requirimentos ao respecto (supón a posibilidade de optar a diversas axudas). Estas disciplinas que agora se estrean súmanse ás que xa existían de Piano, Violín, Guitarra e Linguaxe Musical, pasando por tanto de ofertarse 60 prazas a 150, e aumentando o profesorado de 2 a 6. As clases, con todas estas novidades, arrancarán a primeira semana de outubro (o alumnado que xa cursaba estudos o ano pasado e desexe continuar deberá matricularse o 26 ou 27 de setembro e os novos o 29 e 30, en ambos casos de 9:00 a 14:00 horas na sede da escola, na antiga biblioteca).

“O maior logro é que achegamos o acceso á música a toda a veciñanza, cunha oferta de calidade amplia e variada e sen límite de idade, calquera persoa de calquera condición pode formarse nun instrumento grazas a nosa escola pública”, valora o alcalde, Juan González, quen engade que detrás hai un traballo de anos “que comezou no 2021 coa adaptación do edificio da antiga biblioteca á nova función, compra de novos instrumentos ou a incorporación de especialidades que non existían”, explica. Deste xeito, no 2024 o Concello investiu 63.000 € en reformas e aumento da dotacións instrumental e, neste curso, 86.000 € que permiten desenvolver toda a oferta formativa con calidade. Neste sentido, compre destacar que cada instrumento é impartido de xeito individual cunha carga lectiva de media hora á semana, e Linguaxe Musical, Música e Movemento (crianzas de 4 a 7 anos), e actividade de conxunto, como especialidades teórico-prácticas de grupo durante 1 hora á semana.

“Ata o curso 2020/2021 o alumnado estaba dividido entre diferentes espazos municipais porque se concibía como unha actividade cultural máis; pero desde o Concello quixemos dar un salto en calidade importante e cunha visión integral que de verdade permita á veciñanza formarse en Música e, aqueles con vocación e aptitudes, dean o salto a estudos profesionais”, incide.

Manuel Cebrián, director da Escola, engade en que o ensino que se ofrece ten un carácter fundamentalmente práctico e unha orientación cara aos estilos modernos (rock, jazz, etc), máis que ás tradicionais bandas de músicas asociadas a este tipo de escolas.

“Cada vez hai máis persoas interesadas en formarse nun instrumento e desde o Concello consideramos que é unha obriga das administracións facilitar o acceso á música, tal e como xa se fai co deporte ou coas bibliotecas, por iso estamos especialmente orgullosos desta nova realidade”, explica González, quen destaca que nunha Escola Municipal coma esta se pode impartir ensinanza musical non reglada e non profesional como xa se fai noutros municipios con gran éxito, “é algo máis que recibir clases, trátase dunha formación integral básica que axuda a desenvolver as capacidades creativas de cada quen e a súa sensibilidade”.

Así, as Escolas de Música cumpren unha valiosa función social, formativa e cultural e teñen un carácter esencialmente práctico desde idades moi temperás, neste sentido, a incorporación este curso de ‘Música e Movemento’ permite que as crianzas podan iniciarse aos 4 anos e non só a partir dos 8, como sucedía ata agora.