MAPA DE ALCUMES DE NIGRÁN

FORMULARIO PARA ACHEGAR ALCUMES

O CONCELLO DE NIGRÁN RECOMPILARÁ OS ALCUMES MÁIS ARRAIGADOS EN CADA PARROQUIA

O obxectivo é por en valor o patrimonio oral e a identidade colectiva antes de que se perda entre a mocidade debido aos cambios nos modos de vida. Cos datos obtidos elaborarase un libro ilustrado por parroquias, un póster e un calendario

Constitúen unha ferramenta importante de identificación social e unha fonte de coñecemento sobre as dinámicas comunitarias, familiares e xeográficas do territorio, ademais de conlevar unha forte carga emocional para as familias

«Non se trata de ser alcumadores de novos veciños nin de rescatar aqueles que buscaban ridiculizar, se non de recuperar os que achegan auténtica información antropolóxica e lingüística», reflexiona o alcalde, Juan González

Nigrán, 17/09/25.- O Concello de Nigrán recuperará os alcumes máis tradicionais de cada parroquia co obxectivo de preservalos e por en valor estes nomes coloquiais cos que se ‘bautizaban’ ás familias. Tras rescatar anos atrás a micropotonimia referida ao territorio de cada barrio, agora o Concello inicia unha investigación que pon o foco de atención nos alcumes, habitualmente menos estudados pese a ser unha ferramenta importante de identificación social e unha fonte de coñecemento sobre as dinámicas comunitarias, familiares e xeográficas, ademais de conlevar unha forte carga emocional para as familias ao implicar xeralmente aos seus antepasados.

«Non se trata de ser alcumadores de novos veciños nin de rescatar aqueles que buscaban ridiculizar ou estigmatizar, se non de recuperar alcumes tradicionais que, se os analizamos, achegan auténtica información antropolóxica e lingüística do municipio en disciplinas tan variadas como a botánica, a literatura ou a Historia», aclara o alcalde, Juan González, historiador a súa vez quen aposta por liderar esta investigación desde o seu propio equipo de goberno e de maneira inmediata, xa que as novas dinámicas sociais, a falla de transmisión oral e os cambios de vida están a facer que se perdan.

«Preguntaremos polos alcumes barrio a barrio e nas escolas, e tamén a través dun formulario de Google, finalmente condensaremos os máis relevantes para elaborar material divulgativo», explica González. Esta derradeira fase implica a tenda-estudio Papelier, cos deseñadores gráficos Noelia Muíños e Ramón Quintas ao fronte, que xa realizaron para o Concello traballos de contrastada calidade como o libro ‘Antonio Palacios en Nigrán’ ou ‘Nigrán no Camiño de costa’Eles serán os encargados de dar forma a un libro ilustrado onde se visualicen os alcumes por parroquias, un póster e o almanaque do Concello do ano 2026. Adicionalmente, impartirán obradoiros de lettering a alumnado de 6 de Primaria empregando os alcumes como fonte.

«O proxecto é multidisciplinar, combina a recompilación, interpretación e difusión dos alcumes cunha metodoloxía participativa, creativa e interxeracional, fomentando a implicación directa da veciñanza e, de maneira especial, do alumnado dos centros educativos», sinala ao rexedor en referencia ás unidades didácticas que o propio Concello enviará nestes días aos colexios coa metodoloxía de recompilación. «Sumando neste traballo aos máis pequenos da casa como investigadores estamos garantindo esa transmisión oral que preservará aos alcumes, ao tempo que poñemos a semente para que se interesen máis sobre os seus antepasados e os seus barrios, xerando ese sentimento de pertenza a comunidade que desde o Concello sempre fomentamos«, resume González.