#SanXoanSenLixo #SanXoanSenBuratos #SanXoanSenFogatas

O CONCELLO DE NIGRÁN REPETIRÁ UN DISPOSITIVO ESPECIAL
DE SAN XOAN QUE PROHIBIRÁ E SANCIONARÁ FACER BURATOS NA PRAIA E TAMÉN FOGATAS

O Concello de Nigrán mantén a campaña #SanXoanSenLixo advertindo que o incumprimento destas normas acarrexará sancións que oscilan de leve a moi grave

Un amplo dispositivo de forzas de seguridade vixiarán desde a mañá, tanto a pé de praia como con drons, e se impedirá acceder ao areal con ferramentas ou leña

O ano pasado, con esta medida o Concello demostrou que se pode facer unha gran festa sen afectar ao ecosistema natural, que non está reñido, e iso é o que volveremos a garantir, incluíndo a prohibición expresa de facer fogatas. Estamos a crear unha nova conciencia social ”, explica o alcalde

Nigrán, 04/06/25.- O San Xoan en Nigrán volverá a celebrarse este ano en Praia América se buratos, sen lixo e sen fogatas en aras dun equilibrio xusto entre a festa e a protección do ecosistema natural. Con este obxectivo, o Concello repetirá o gran dispositivo de 2024 para impedir que se fagan buratos na praia e tamén fogatas. Consecuentemente, desde a mañá do luns 23 de xuño o persoal ao completo de Policía Local e Protección Civil, xunto a Guardia Civil e a unidade de drons do equipo Pegaso, vixiarán coordinadamente o areal e controlarán os accesos á praia América e Panxón para impedir que se acceda con pás, aparellos, leña ou obxectos contundentes. A vixiancia aérea extenderase a todos os areais e inclúen tamén a presencia do Puesto de Mando Avanzado (PMA) de AXEGA.

“O ano pasado, con esta medida o Concello demostrou que se pode facer unha gran festa sen afectar ao ecosistema natural, que non está reñido, e iso é o que volveremos a garantir, incluíndo a prohibición expresa de facer fogatas. Estamos a crear unha nova conciencia social ao respecto da festa de San Xoan, tanto que estamos seguros de que nuns anos nin sequera fará falta realizar a campaña publicitaria #SanXoanSenLixo”, explica o alcalde, Juan González.

Deste xeito, o Concello de Nigrán desenvolverá un ano máis a campaña de #SanXoanSenLixo emprendida no ano 2019 advertindo que agora, coma no 2024, o incumprimento das medidas de protección acarrexará sancións que oscilan de leve a moi grave, porque afectan desde á alteración do ecosistema litoral ata unha infracción da lei de seguridade cidadá (todo contemplado no Plan de Conservación do Concello de Nigrán, Ley 42/2007 de Patrimonio Natural y la biodiversidad y Decreto 9/2014 de Conservación da Píllara das dunas). Toda esta información xa a recolle un bando específico e será achegada á mocidade da contorna mediante cartalería específica, vallas, cuñas e anuncios publicitarios, banners en redes sociais, gifs… “O importante é que os asistentes saiban con anterioridade que o día de San Xoan non van poder acceder á praia con pás, sachos, leña ou material contundente”, engade o rexedor, quen pide a colaboración de toda a veciñanza na súa difusión.

A este dispositivo sumarase novamente un equipo de concienciación ambiental que desde a maña tamén estará a pé de praia recordando aos asistentes as obrigas que conleva o respecto dun espazo natural (mensaxe que se repetirá tamén por megafonía). Igualmente, eles mesmos entregaranlle aos diferentes grupos sacos para que depositen o seu lixo nos contedores habilitados nos accesos. “Non queremos nen buratos nen lixo, as dúas cousas teñen que quedar claras, por iso é importante tamén o labor educativo deste equipo especialmente formado”, incide González.

“Levamos anos cunha campaña de concienciación pioneira en Nigrán e que inicialmente funcionou co tema do lixo, pero era preciso frear o tema dos buratos e as fogatas, por iso chegamos a este punto. Todos debemos esixir civismo neste aspecto e protexer o que a natureza nos regalou”. Igualmente, como se ven facendo cada ano, o Concello de Nigrán blindará as dunas de Panxón cun valo e iluminación extra para que a vixiancia por parte do Seprona sexa o máis efectiva posible.

«Confiamos en que a xente está cada vez máis comprometida co medio ambiente e que este inclúe tamén aos océanos, en Nigrán sempre traballamos na concienciación medioambiental. Praia América é un dos máximos orgullos de Nigrán e é responsabilidade de todos preservala, por iso temos que tomar estas medidas que só piden facer ben a festa», conclúe o rexedor.