CAMPUS DEPORTIVOS DE VERÁN 2025

O CONCELLO DE NIGRÁN ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS CAMPUS DEPORTIVOS DE VERÁN

Ofértanse case 700 prazas en 10 campus de 9 modalidades deportivas diferentes. Iranse desenvolvendo semanalmente desde o 30 de xuño ao 6 de setembro con balonmano e pádel como novidade e cun prezo único de 70 €

Toda a información está pendurada na web municipal www.nigran.org

Nigrán, 06/06/24.- O Concello de Nigrán, coa colaboración dos clubes do municipio, ofrece un ano máis desde finais de xuño a inicios de setembro unha decena de campus deportivos con case 700 prazas destinadas a crianzas e adolescentes (algúns deles con prioridade empadroados). O obxectivo é ofrecer actividades saudables que faciliten a conciliación laboral e familiar durante ás vacacións escolares ao tempo que se incentiva o deporte base. O prazo de inscrición está aberto e cada persoa interesada debe porse en contacto con cadanseu clube no mail ou teléfono que aparece na cartalería pendurada na web municipal www.nigran.org (a información inclúe datas, lugar de celebración, custe…) .

Aos habituais campamentos de tenis, baloncesto, patinaxe, rítmica, surf, e fútbol, engádense dous de multideporte (solicitados expresamente polo Consello Municipal da Infancia de Nigrán) e por vez primeira un de balonmano e outro de pádel. Todos teñen unha duración de cinco días (de luns a venres) e un custe de 70 €, arrancando con balonmán e tenis o día 30 de xuño e finalizando con surf do 2 ao 6 de setembro. En todos eles o Concello aportará a merenda diaria e a cobertura do seguro.

«Trátase, xunto co campamento municipal, dunha iniciativa para facilitar a conciliación familiar mediante actividades saudabeis ao aire libre e de promover o deporte desde a infancia dando cabida a disciplinas para todos os gustos e confiando nas entidades deportivas de Nigrán, que son as que teñen a experiencia», indica o alcalde, Juan González.