
O VAL MIÑOR OFRECE UN ANO MÁIS A ‘FESTA DA BICICLETA’ O SÁBADO 17 DE MAIO
O Concello de Nigrán é o organizador desta 35 edición, polo que as tres marchas rematarán no Pavillón Municipal, onde se realizará o avituallamento e sorteo de agasallos
Nigrán, 05/05/25- Os tres concellos do Val Miñor, Nigrán, Baiona e Gondomar, volverán pedalexar xuntos o próximo sábado 17 de maio para festexar a tradicional Festa da Bicicleta na súa 35 edición, evento que foi presentado hoxe no Pavillón de Panxón por ser este ano Nigrán o municipio anfitrión. O obxectivo, un ano máis, é promover entre a poboación o deporte e a socialización como hábitos saudables.
Como cada ano, realizaranse tres saídas desde cadanseu municipio. En Nigrán será desde o Pavillón Municipal ás 10:00 horas, en Baiona ás 10:45 horas desde o Parque da Palma e en Gondomar ás 10:45 desde a Praza do Concello. Toda aquela persoa maior de 7 anos pode participar inscribíndose no devandito lugar 40 minutos antes da saída e acudindo con casco (obrigatorio) e bicicleta propia (non se admiten remolques). A marcha cicloturista de Nigrán recollerá á de Baiona e regresarán xuntas para atoparse coa de Gondomar na Rotonda da Ramallosa e chegar as tres unidas ás 12:00 horas ao Pavillón de Panxón, onde se realizará o avituallamento e o tradicional sorteo de agasallos (3 bicicletas e 60 cascos) ao ser este ano o Concello de Nigrán o organizador.
Todos os participantes dispoñerán de seguro de accidentes e responsabilidade civil e a Policía Local protexerá ao pelotón.
A ‘Festa da Bicicleta’ reúne cada ano a centos de persoas da comarca nun ambiente festivo e familiar que, desde a súa orixe en 1990, se celebra cada 17 de maio.


