VERMÚ DE BARRIO

 

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE UNHA PRIMAVERA DE ‘VERMÚ DE BARRIO’ CON ALGÚNS DOS MELLORES MÚSICOS LOCAIS

Desde este domingo 27 de abril ao domingo 25 de maio haberá cinco sesións ao mediodía con Blue Monk, Awen, Groovin Folks, Three Roosters, San Rockers e Cubo Metálico en diferentes núcleos urbanos do municipio

Os hostaleiros pedíronnos algunha iniciativa nova para dinamizar os seus negocios fora da tempada estival e pareceunos que o mellor era ofrecer cultura de man dos nosos músicos para así tamén apoialos”, explica o alcalde, Juan González

Nigrán, 25/04/25.- O Concello de Nigrán ofrece durante as vindeiras catro semanas unha mestura de boa música en directo e socialización ao aire libre en diferentes localizacións nunha nova proposta cultural bautizada como ‘Vermú de barrio’. Así, desde este domingo 27 de abril con Blue Monk en Patos ata o domingo 25 de maio haberá seis sesións ao mediodía (12:30 horas) con diferentes grupos locais (Blue Monk domingo 27 de abril, Awen o 1 de xuño na Praza da Biblioteca, Groovin Folks o 4 de maio na Praza do Concello, Three Roosters o 11 de maio diante do mural de Lula Goce na Ramallosa, San Rockers o día 25 de maio na rúa Damas Apostólicas e Cubo Metálico o 1 de xuño na Praza da Biblioteca). A iniciativa do Concello de Nigrán conta con parte da financiación a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’ da Deputación de Pontevedra.

“Os hostaleiros e despois Ovalmi pedíronnos algunha iniciativa nova para dinamizar os seus negocios fora da tempada estival e pareceunos que o mellor era ofrecer cultura de man dos nosos músicos para así tamén apoialos a eles”, explica o alcalde, Juan González, quen repite unha idea moi similar á que xa levou adiante na crise da Covid-19, cando o Concello ofreceu en sesión vermú diferentes concertos protagonizados por músicos locais para así volver a levar a vida ás rúas e, ao mesmo tempo, apoiar a este sector. “A idea era comezar o ‘Vermú de barrio’ esta Semana Santa pero, ante o mal tempo, tivemos que pospoñelo ata agora”, explica o alcalde, quen engade que os concertos se levarán adiante sempre que as condicións climatolóxicas o permitan, polo que a información estará actualizada sempre en redes sociais en caso de cambios. “A idea é encher de xente as rúas nun horario familiar que facilita a conciliación e a socialización de todas as idades”.

BLUEMONK, DOMINGO 27 DE ABRIL EN PATOS

Blue Monk é un trío musical creado no ano 2009 entre Vigo e Nigrán. Está composto por un guitarrista, baixo eléctrico e batería e a súa finalidade é «resucitar» a música de baile de todos os tempos, polo que ofrecen un repertorio de calidade coidadosamente seleccionado.

AWEN, XOVES 1 DE MAIO NA PRAZA DA BIBLIOTECA

Awen é un dueto a dúas voces e guitarra de versións de rock desde os 70 ata hoxe. O repertorio abarca versións en inglés, castelán, francés e galego de bandas como Janis Joplin, Depeche Mode, M-Clan, Zaz, Aretha Franklin, Amy Winehouse ou John Denver entre moitos outros e o seu principal punto forte son as coidadas harmonías vocais e a gran forza en escena.

GROOVIN FOLKS, DOMINGO 4 DE MAIO NA PRAZA DO CONCELLO

Groovin Folks é un trío formado por órgano Hammond, guitarra e batería. Interpretan temas de funk, soul e disco dos anos 60, 70 e 80. As súas interpretacións son pura enerxía e emoción.

THREE ROOSTERS, DOMINGO 11 DE MAIO NA RÚA ARGONAUTAS
(MURAL DE LULA GOCE NA RAMALLOSA)

Grupo de Rock, Blues Folk & Country en formato electroacústico con temas propios e versións. Naceu en plena pandemia e conta con Berto Misa á guitarra, Bruno Figueiras á voz e Fran Sánchez ao baixo.

SAN ROCKERS, DOMINGO 25 DE MAIO NA RAMALLOSA
(RÚA DAMAS APOSTÓLICAS)

Grupo de catro músicos nacido na parroquia de Camos hai xa case 10 anos que conta con temas propios e que versiona temas de pop e rock dándolle unha interpretación moi particular, neste apartado poden aparecer animadas cancións case irrecoñecibles de Raphael ou Hombres G que fan levantar ao público.

CUBO METÁLICO, DOMINGO 1 DE XUÑO NA PRAZA DA BIBLIOTECA

É un grupo que fusiona hip-hop, funk e rock no que denominan powerfunk.
A banda está integrada por músicos con unha longa traxectoria en bandas como Gurú Mamut, Phantom Club, Cabbage, Tip’o 8 ou Por Right.