Programación 25-N

Programación

O nacemento do Consello Municipal da Muller coincide coa programación específica que o Concello de Nigrán deseñou para todo o mes de novembro con motivo do 25-N, Día Internacional para a erradicación da violencia de xénero. Este ano o lema será ‘A violencia mídese! Non ignores os sinais’, mostrando nunha imaxe diferentes formas de violencia que se manifestan na vida cotiá e que a maioría das veces non se teñen en conta, ou se confunden. Permite visibilizar a progresión da violencia machista nas relacións de parella, para chamar a atención sobre condutas baseadas en estratexias de illamento, control ou desvalorización que se non se paran a tempo rematan nunha situación de difícil saída ou mesmo a morte.

En canto ás actividades, estas comezaron esta mesma semana co obradoiro de canto destinado a mulleres “Con voz propia”, actividade que mestura as estratexias propias do ensino convencional do canto cun enfoque músico-terapéutico, facendo da expresión musical un vehículo para a expresión emocional e o apoderamento das mulleres

Asimesmo, desde hoxe e ata o 25 de novembro terán lugar nos centros educativos as charlas teatralizadas ‘A violencia de xénero nos videoxogos’. A actividade é unha experiencia de ficción interactiva apoiada en actores que desenvolverán tres sketches. Cada un deles escenificará situacións relacionadas cos videoxogos. Unha presentadora/facilitadora incentivará o debate e interpelará ao alumnado/público sobre aspectos relacionados coa posta en escena sen obviar aqueles outros que poideran ser suxeridos. Tamén nos centros educativos de Nigrán, do 18 ata o 22 de novembro o Concello ofrecerá o contacontos “Somos iguais. Contos pola igualdade”, a cargo de Raquel Queizás. Narraranse historias que rompen cos estereotipo que abundan nos contos, identificaranse situacións ás que as crianzas se enfrontan día a día e onde a violencia ou a agresividade fisíca e verbal pode ter solución grazas á palabra.

Xa para todos os públicos, o sábado 9 de novembro ás 20:00 no Auditorio Municipal proxectarase ‘O Corno’, un filme ambientado en Galicia a principios da década de 1970 que fala da maternidade e a solidariedade feminina e que foi galardoada coa Concha de ouro á mellor película no Festival de San Sebastián 2023.

O seguinte sábado 16 de novembro ás 20:00 h. no Auditorio Municipal ofrécese a obra de teatro “Comando Comadres”, un espectáculo en clave de humor a cargo da compañía Matrioshka Teatro. Un grupo de art-ivistas organizadas en diferentes comando poñen en evidencia as múltiples manifestacións da violencia patriarcal e cuestionan a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual

Finalmente o sábado 23 de novembro no Auditorio Municipal ás 20:00 h. Terá lugar o monólogo “Os contos que elas me contaron”, a cargo de Paula Carballeira, escritora, actriz profesional de teatro e da narración oral. O espectáculo é un reflexo das vivencias de Carballeira na súa infancia e a súa paixón pola narración oral, oficio que cultiva durante mais de vinte anos. “Cando era nena non me contaron moitos contos pero despertaron en min pequenas intrigas que me fixeron buscar historias onde podía: nos libros, nas voces das persoas que coñecía ou que descoñecía, na vida pola que camiñaba, case correndo…”