PROGRAMACIÓN DE VERÁN

PROGRAMACIÓN DE VERÁN DO CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán mantense este mes de xullo fiel aos seus festivais máis senlleiros. Así, recibe o verán con Solpor Monteferro (5 e 6 de xullo), sigue con Cinema a Pedal (do 11 ao 14 de xullo na Foz) e Rilla na Rúa (do 24 ao 28 de xullo na Alameda da Ramallosa) e remata co Nigranjazz (do 25 ao 27 de xullo tamén na Foz, agás o 25 no Malabar-Pénjamo de Patos con jam-session). Polo medio intercálanse novidades como o ‘Cine no Muíño’ con proxección dunha longametraxe ao aire libre no muíño de Porto do Molle (instalación que acolle ata o día 12 de xullo unha exposición sobre apicultura sostible), o festival Beach Atlántica de música urbana e electrónica con DJ locais o 18 de xullo no aparcadoiro de Praia América, ‘Nigrán Soa a Swing’ o domingo 21 de xullo na Alameda da Ramallosa coa Orquesta de Saxos de Redondela e o teatro de Redrum ‘2 Pilgrims’ no Auditorio o venres 19. Eventos como o ‘Día dos Avós’ tamén se celebrará o venres 26 de xullo ou a feira artesana o 27 e 28 e o tradicional encontro de violonchelistas no CEE de Panxón culminará cun concerto no Auditorio o xoves 4 de xullo ás 21:00 horas.

Os eventos deportivos clásicos do mes de xullo tampouco faltarán á tradicional cita de verán. Estes arrancan cos nadadores de ‘Costa Serena’ o domingo 7 de xullo, o torneo de tenis-praia en Panxón o 13 e 14 de xullo ou o clásico torneo de veteranos de rugby-praia de ‘Melgachos Vellos Rugbiers’.

Pola súa banda, e como é habitual, o Concello colaborará coas festas parroquiais de Santiago e Santa Ana en Parada o 24 e 25 de xullo e organizará directamente o 31 de xullo e 1 de agosto (festivo local) a Festa de San Fiz, patrón do municipio. Colabora tamén coas diferentes entidades locais para o concerto de música barroca na Igrexa de Santiago de Parada (mércores, 3 de xullo), o rastrexo de Camos (sábado, 6 de xullo), a sardiñada de Montecastelo (domingo 14 de xullo), o concerto da Coral Novos Aires (sábado 20 de xullo).

“Seguimos na mesma liña que os anos anteriores, apostando por diferentes eventos e festivais pensados en todo tipo de públicos e que, de xeito contrastado, sabemos que funcionan e que son moi agardados. Agosto continuará na mesma liña”, explica o alcalde, Juan González.

Toda a programación polo miúdo pódese consultar en www.nigran.es no apartado ‘Próximos Eventos’.