PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2024

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE UNHA PROGRAMACIÓN DE ENTROIDO CON CONCURSO DE COMPARSAS E DISFRACES, BAILE, CONCERTO E O ENTERRO DO ‘KIKO’ COMO PECHE

Iníciase o sábado 3 con concerto a cargo dos acordeonistas José Manuel Castelló e Jaime Vilas e ‘Os Alegres do Val Miñor’ ; concurso infantil o sábado 10; baile o mártes 13; concurso de comparsas o venres 16 e enterro do kiko o sábado 24

O Concello de Nigrán mantén ata o 9 de febreiro o prazo de inscrición para participar no concurso de comparsas. En total, establécense 4.150 euros repartidos en 20 premios

Nigrán, 29/01/24.- O Concello de Nigrán gozará desde a vindeira semana e ata finais de febreiro dunha completa programación de entroido para todos os públicos. Esta comezará o sábado 3 de febreiro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal co concerto a cargo dos acordeonistas José Manuel Castelló e Jaime Vilas seguidos por ‘Os Alegres do Val Miñor’ . O segundo sábado, día 10, terá lugar o concurso infantil de disfraces a partir das 17:30 horas tamén no Auditorio Municipal. No mesmo lugar, o martes 13 celebrarase o baile de carnaval con orellas para os asistentes. A continuación, o venres 16, Nigrán vivirá o seu día grande do entroido co concurso de comparsas presentado nesta ocasión polo Rey Midas e que arrancará ás 20:30 co pasarrúas da batucada de ‘Bate no cobre’ desde Telleira ao cruce con Ceán seguido polas diferentes formacións participantes; durante a deliberación do xurado actuará Proxi e, ao rematar a entrega de premios, haberá unha gran tirada de fogos de luces. As asociacións interesadas en participar teñen ata o 9 de febreiro inclusive para inscribirse. Como é costume, o entroido nigranés o pechará o tradicional enterro do kiko o sábado 24 (ADIADO AO SÁBADO 2 DE MARZO DEBIDO Á PREVISIÓN METEOROLÓXICA) co animal sendo tirado por unha parella de bois desde a Praza do Concello (18:00 horas) ata o torreiro de Parada, onde se lle realizará o velorio coa misa antes de ser queimado e se recitarán as tradicionais coplas satíricas compostas para a ocasión cada ano.

“É unha programación pensando en todo tipo de públicos e na que os grandes eixos son o tradicional concurso de comparsas e o enterro do kiko, sendo este o evento máis distintivo do entroido nigranés e que é posible grazas ao Centro Cultural Parada do Miñor”, explica o alcalde, Juan González.

Inscrición concurso de comparsas

O Concello de Nigrán abre ata o 9 de febreiro (inclusive) o prazo de inscrición para participar no concurso de comparsas de entroido, que terá lugar o venres 16 de febreiro ás 21:00 horas. En total, establécense 4.150 euros repartidos en 20 premios (700, 600, 500, 400, 300, 250, e os seguintes 100 euros) e cada unha das comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas e veciñais do municipio percibirán unha dotación adicional de 300 euros ata un máximo de cinco entidades (por orde de inscrición).

As bases mantéñense coma os anos anteriores, así, as agrupacións deben contar cun número de participantes superior aos 20 membros, dos cales un mínimo de dez terán que ser adultos. Para poder optar aos premios é requisito indispensable inscribirse previamente no Rexistro do Concello (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, ata o 9 de febreiro) coa documentación pertinente (ficha de inscrición cuberta, fotocopia do CIF, DNI do presidente/a, certificado de conta bancaria e xustificante de estar ao corrente tanto en Facenda coma na Seguridade Social).

O Concello mantén o percorrido habitual, que vai da rúa Telleira, percorrendo Rosalía de Castro ata a estrada do Ceán, sendo a actuación de cada comparsa á altura da Casa Consistorial. Ao remate da última actuación terá lugar a entrega de premios. Se a previsión meteorolóxica fose adversa para ese día o desfile trasladaríase para unha nova data pendente de determinar (abriríase un novo prazo de inscrición).

O sorteo da orde de saída celebrarase o 12 de febreiro no salón de plenos municipal ás 12.00 horas. O xurado, pendente da súa designación, terá en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación, a música e o número de participantes de cada comparsa.

As bases están a disposición dos interesados na Oficina de Atención ao Cidadá do Concello, no taboleiro da sede electónica ou na web municipal www.nigran.es.