O CONCELLO DE NIGRÁN CONVOCA UNHA LIMPEZA DE PELLETS NA MADORRA
Está organizada novamente polo Concello, Escolas de Surf e Club Marítimo de Panxón a partir das 16:00 horas
Nigrán 10/01/24.- O Concello de Nigrán, Asociación de Escolas de Surf de Patos e Club Marítimo de Panxón fan un novo chamamento á cidadanía para retirar pellets procedentes do mercante Toconao mañá xoves desde as 16:00 horas na praia da Madorra. Preto de 150 persoas acudiron á chamada do martes en Patos e agora o esforzo concentrarase na Madorra.
«Estamos a facer un seguimento continuo e de momento aquí aparecen en pequenas cantidades pero a previsión é que cheguen máis. O obxectivo é ir actuando conforme evolucione a situación para ‘liberar’ a area destes plásticos e de todos os demais que, desgraciadamente, sempre hai«, sinala o alcalde, Juan González, que lamenta «a tardanza da Xunta na toma de decisións». «Van moi por detrás do problema en lugar de tomar a iniciativa, actúan como se non fosen o goberno de Galicia, a Historia se repite», lamenta.
—