Programación de verán

O CONCELLO DE NIGRÁN ABRE HOXE CON SOLPOR A SÚA PROGRAMACIÓN ESTIVAL DE VERÁN, NA QUE VOLVEN A DESTACAR OS FESTIVAIS DE MÚSICA E OS ROTEIROS

programación deste mes de Xullo inclúe o Vive Nigrán e finalizará, como xa é tradicional, co festival Nigránjazz e a festa de San Fiz, festivo local no municipio

Un ano máis, mantéñense os roteiros guiados polos diferentes sendeiros de Nigrán e as actividades na praia, regresa Rilla na Rúa a Alameda da Ramallosa e continúa ‘Música nas Parroquias’ en Parada e Praia América

Nigrán, 01.07.22.- O Concello de Nigrán arranca hoxe con ‘Solpor Monteferro’ (día 1 e 2) a súa oferta cultural de xullo dando protagonismo como é habitual á mellor música nos mellores escenarios do mundo, como é o caso deste festival no miradoiro, Vive Nigrán no campo de fútbol de Lourido (15, 16 e 17), SonaGaifar en Panxón (8 e 9)) e Nigranjazz no esteiro de A Foz (29 e 30) . Esta fin de semana súmase ao Solpor o festival de música sacra Ars Canendi o sábado na Igrexa de San Fiz desde as 19:00 horas e o domingo no Pavillón Municipal de Panxón co concerto de Abraham Cupeiro ás 20:00 horas. Os tres eventos son gratuítos ata completar o aforo.

Neste mes de Xullo, o Concello mantén a súa aposta de descentralizar o turismo de praia coa realización de diferentes roteiros guiados, ‘Música nas Parroquias’ coas festas de Parada, Praia América e San Fiz e eventos diferentes como a ‘Festa dos avós’ (26), festival de habaneras e boleros (9), mercadillos, etc ou a novidade de ‘Ioga no Solpor’ (12 e 28 na Praia de Patos). Ademais, tras dous anos limitados pola pandemia, as food-truks regresarán á Alameda de A Ramallosa con Rilla na Rúa (do 19 ao 25). Baixo o lema ‘Nigrán, equilibrio natural’, o Concello pretende un ano máis dar cabida a todo tipo de públicos ao tempo que pon en valor a totalidade do municipio. Toda a programación polo miúdo está dispoñible na web municipal (Portada-Próximos Eventos).

As actividades deportivas tamén serán as protagonistas do inicio do verán coa Travesía a Nado Costa Serena deste domingo en Praia América ou o campionato galego de dupletas en Porto do Molle (día 10) e torneos de volei-praia ou tenis praia aos que hai que sumar as tradicionais actividades como zumba, pilates ou tai-chi e inchable de fútbol en Patos.

Novamente, o consistorio aposta polo grupo local Teatro do Ar o día 22 no esteiro de A Foz. Igualmente, os comerciantes de Nigrán celebrarán ‘Beachmarkets’ os fins de semana no espazo deportivo Dunas de Gaifar e non falta o mercadillo multicultural en Praia América (con obradoiros infantís todos os sábados ás 18:00 horas) e o xa clásico de antigüidades o día 25 no Paseo de Panxón, sumado ao ‘Mercado Revolto’ (17, 31).

«Como cada ano, queremos chegar a todo tipo de público ofrecendo actividades moi diversas para que ninguén se sinta excluído, a programación de verán é tamén un fiel reflexo do ‘Nigrán para todos’ do que sempre presumimos», resume o alcalde, Juan González, quen incide en que se trata «dunha programación de continuidade» ao estar xa a maioría dos eventos moi consolidados no calendario local.