O CONCELLO DE NIGRÁN PROGRAMA PARA O 8-M UN AUTOCINE EN PRAIA AMÉRICA E A REEDICIÓN DA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA ‘MULLERES DE NIGRÁN -1970’ NA RAMALLOSA

 

O CONCELLO DE NIGRÁN PROGRAMA PARA O 8-M UN AUTOCINE EN PRAIA AMÉRICA E A REEDICIÓN DA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA ‘MULLERES DE NIGRÁN -1970’ NA RAMALLOSA

Os interesados en asistir á proxección de ‘La bicicleta verde’ o 6 de marzo no aparcadoiro da antiga escola de surf de Praia América deben inscribirse desde mañá en www.autocine.gal , tendro prioridade os empadroados

Reinaugúrase o propio 8 de marzo no Centro Comercial A Ramallosa a exposición fotográfica ‘Mulleres de Nigrán -1970’ despois de que o ano pasado estivese só unha semana aberta ao coincidir o confinamento

A programación finaliza o día 22 no IES Proval coa performance da VI edición do Programa Mulleres en Acción Violencia Zero da Deputación

Nigrán, 26/02/21.- O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información a Muller (CIM), conmemora este ano o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cun autocine o sábado 6 de marzo en Praia América e a re-edición da exposición fotográfica ‘Mulleres de Nigrán -1970’. A programación a pechará unha performance de ‘Mulleres en Acción Violencia Zero’ o 22 de marzo no IES Proval.

Os veciños empadroados poderán experimentar por vez primeira en carne propia e de xeito gratuito a típica estampa das películas americanas baseadas nos anos 50-60 na que os protagonistas disfrutan do cine desde o seu propio coche, neste caso desde o aparcadoiro das antigas escolas de surf en Praia América. O Concello elixe para a proxección a premiadísima “La bicicleta verde”, primeira película realizada por unha muller en Arabia Saudí. O desexo dunha nena por conseguir unha bicicleta é unha metáfora da desigualdade de oportunidades entre entre mulleres e homes existente na sociedade saudí e en moitos lugares do mundo. As persoas interesadas deben reservar a súa praza en www.autocine.gal entre este sábado 27 de febreiro ás 12:00 e o 4 de marzo ás 18:00, realizándose as reservas por rigorosa orde de inscrición e tendo prioridade os empadroados no municipio. A actividade está financiada polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero

“Trátase dunha iniciativa cultural segura desde o punto de vista sanitario, cunha longametraxe de gran calidade pero nun formato novidoso que sabemos que conta con gran demanda de persoas desexosas de probar”, explica o alcalde, Juan González.

Igualmente, o Concello de Nigrán rescata para este ano a exposición fotográfica ‘Mulleres de Nigrán -1970’ desde o propio día 8 e ata o 31 de marzo no Centro Comercial A Ramallosa SXXI. Esta mostra propia, elaborada con motivo do 8-M do ano pasado, é froito de recompilar entre a veciñanza durante case un ano centos de imaxes antigas. Nunha escolma de 150 fotos os asistentes poden ver e recoñecer a mulleres de Nigrán labregas, costureiras, mestras, nais de familia, coidadoras, perruqueiras, mulleres festeiras, amigas cómplices… En definitiva, mulleres comúns e valerosas ás que a ONU adica cada 8 de marzo e ás que o consistorio rende homenaxe. “A mostra tivo moitísimo éxito pero só puido permanecer aberta unha semana no Auditorio Municipal porque chegou o confinamento; moitos veciños quedaron con ganas e por iso consideramos unha prioridade re-editala”, sinala o alcalde, Juan González, quen defende a súa nova ubicación no Centro Comercial A Ramallosa S.XXI como un incentivo máis para acudir a este lugar e a súa contorna, con moito pequeno comercio e, por outra banda, destaca a vantaxe da súa gran amplitude de horarios.

A programación finaliza o día 22 de marzo ás 17:15 horas no IES Proval coa performance da VI edición do Programa Mulleres en Acción Violencia Zero da Deputación de Pontevedra, na que cada ano participa Nigrán.

A mostra tivo moitísimo éxito pero só puido permanecer aberta unha semana, cando pasen estas circunstancias a recuperaremos pero mentras cremos que o catálogo é unha fonte de lecer moi interesante nestes intres”, sinala o alcalde, Juan González