Entroido 2024

DESCARGAR BASES

O CONCELLO DE NIGRÁN ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN
PARA O CONCURSO DE COMPARSAS DE ENTROIDO QUE
SE CELEBRARÁ O VENRES 16 DE FEBREIRO

As formacións interesadas teñen de prazo ata o 9 de febreiro para inscribirse e o sorteo da orde de saída será o día 12

Establécense 20 premios que van dos 700 € aos 100 € e que suman 4.150 € en total. Cinco comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas e veciñais do municipio percibirán unha dotación adicional de 300 euros

Nigrán 17/01/24.- O Concello de Nigrán abre ata o 9 de febreiro (inclusive) o prazo de inscrición para participar no concurso de comparsas de entroido, que terá lugar o venres 16 de febreiro ás 21:00 horas. En total, establécense 4.150 euros repartidos en 20 premios (700, 600, 500, 400, 300, 250, e os seguintes 100 euros) e cada unha das comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas e veciñais do municipio percibirán unha dotación adicional de 300 euros ata un máximo de cinco entidades (por orde de inscrición).

As bases mantéñense coma os anos anteriores, así, as agrupacións deben contar cun número de participantes superior aos 20 membros, dos cales un mínimo de dez terán que ser adultos. Para poder optar aos premios é requisito indispensable inscribirse previamente no Rexistro do Concello (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, ata o 9 de febreiro) coa documentación pertinente (ficha de inscrición cuberta, fotocopia do CIF, DNI do presidente/a, certificado de conta bancaria e xustificante de estar ao corrente tanto en Facenda coma na Seguridade Social).

O Concello mantén o percorrido habitual, que vai da rúa Telleira, percorrendo Rosalía de Castro ata a estrada do Ceán, sendo a actuación de cada comparsa á altura da Casa Consistorial. Ao remate da última actuación terá lugar a entrega de premios. Se a previsión meteorolóxica fose adversa para ese día o desfile trasladaríase para unha nova data pendente de determinar (abriríase un novo prazo de inscrición).

O sorteo da orde de saída celebrarase o 12 de febreiro no salón de plenos municipal ás 12.00 horas. O xurado, pendente da súa designación, terá en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación, a música e o número de participantes de cada comparsa.

As bases están a disposición dos interesados na Oficina de Atención ao Cidadá do Concello, no taboleiro da sede electónica ou na web municipal www.nigran.es.