INSCRICIÓN OBRADOIRO: ‘CREA O TEU PROPIO LIBRO POP-UP’
O CONCELLO DE NIGRÁN FESTEXA O DOMINGO O DÍA DO LIBRO CON FEIRA, OBRADOIROS, PRESENTACIÓNS E UN APARTADO ESPECIAL ADICADO A DOMINGO VILLAR
A praza do Concello acollerá durante todo o día actividades: desde unha feira coa presenza das dúas librerías do municipio e un stand de libros de regalo, roteiro literario ‘A Praia dos afogados’ e proxección da película homónima con Pepo Suevos, actividades infantís…
Os escritores da comarca terán un papel protagonista na feira coa firma de exemplares nos stands de ‘Paraísos de Papel’ e ‘Librería Piño’. O obradoiro infantil ‘Crea o teu libro pop-up’ require inscrición previa na web www.nigran.es e o roteiro de Domingo Villar no correo oficinaturismo@nigran.org
A Biblioteca Municipal arrancará o luns 24 o programa ‘Ler Conta Moito’ cun contacontos infantil de Raquel Queizás
Nigrán, 18/04/23.- O Concello de Nigrán celebrará este ano o ‘Día do Libro’ cunha gran xornada festiva durante todo o domingo 23 de Abril na Praza do Concello. O lugar será a sede dunha feira ao respecto e dunha serie de actividades deseñadas para incentivar a lectura e dirixidas a todos os públicos, co falecido Domingo Villar como autor destacado e especial protagonismo dos autores da comarca e das dúas librerías do municipio: Paraísos de Papel e Piño.
“Este ano o ‘Día do Libro’ cae en domingo, polo que decidimos organizar unha feira de carácter eminentemente local e cunha ampla programación entorno a ela”, explica o alcalde, Juan González. Así, de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:30 horas ‘Paraísos de Papel’ e ‘Piño’, disporán de cadanseu stand de venda acompañados tamén do trío artístico-literario ‘Solaina’ (autoras de diferentes libros infantís con raíz no Miñor) e de ‘Papelier’, papelería artesana de Baiona. Igualmente, o Concello disporá de deceas de libros de regalo para que os interesados elixan o que desexen levarse.
Pensando no público infantil, ás 11:00 horas Papelier ofrecerá o contacontos en inglés ‘Penelope the pilgrim, lost in Nigrán’ coa tradutora e intérprete inglesa afincada en Nigrán Tonya Walton tomando a palabra e os responsables de ‘Papelier’ debuxando ao mesmo tempo para facelo máis comprensible. Os mesmos ofrecerán ás 12:00 horas un obradoiro con inscrición previa no formulario web www.nigran.es e baixo o título ‘Crea o teu libro pop-up’, nome que levan os exemplares con elementos tridimensionais, móbiles ou despregables que permiten a interacción física entre o lector e o libro, polo que é habitual na literatura infantil.
Os escritores da comarca terán especial relevancia na feira coa firma de exemplares. Así, no stand de Paraísos de papel estará ás 11:00 Héctor Riobó, ás 12:00 Elvira Jardón e Luis Boullosa e ás 17:00 Fran Fernández Dávila. Pola súa banda, a Librería Piño ofrecerá ás 11:30 a Nuria Fernández Fariñas, ás 18:00 a Santiago Ferragud e ás 18:30 a Teresa Chamorro. Igualmente, ás 17:00 horas intervirá Carla Pérez, xefa da Brigada Forestal Municipal de Nigrán, e quen aportará súa experiencia recollida no libro ‘Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais’, de Proxecto Batefogo.
Domingo Villar será outro gran protagonista desta feira co roteiro literario ‘A Praia dos Afogados’ (saída ás 10:00 horas da Praia da Madorra e inscrición previa en oficinaturismo@nigran.org achegando datos dos participantes) e ás 20:00 horas coa proxección da película homónima coa presentación e charla posterior a cargo de Pepo Suevos, un dos actores no filme. “Tivemos a sorte de que Nigrán sexa o escenario principal desta obra que vive actualmente un rexurdir; Domingo Villar é o noso mellor embaixador literario”, recoñece o rexedor, quen desexa deste xeito “manter viva a memoria de Domingo”, falecido o ano pasado. O roteiro, desde o punto de vista paisaxístico, resulta espectacular porque recompila algúns dos lugares máis fermosos de Nigrán e que tan ben describe na novela, como poden ser Monteferro, Praia da Madorra, Praia América, Panxón, o Templo Votivo… Por iso esta andaina está plasmada nun folleto turístico específico que elaborou o Concello este ano e que reproduce os pasos do carismático personaxe Leo Caldas nesta famosa novela negra traducida a máis de 15 idiomas. Pola súa banda, a película de 2015 de Gerardo Herrero recolle tamén imaxes espectaculares destas zonas.
Xa o luns 24 de Abril, o Concello abrirá o programa de animación á lectura ‘Ler Conta Moito’ co contacontos de Raquel Queizás ‘Chimpo de ra’ ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal. Estes contacontos iranse celebrando ata o mes de outubro.