Dezaoito locais de Nigrán súmanse ao I Rally Oktoberfest

O Salón de Actos municipal acolleu hoxe a presentación dunha nova iniciativa gastronómica, organizada pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor OVALMI, en colaboración cos hostaleiros do municipio e o Concello de Nigrán, nun acto que contou coa participación do alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, o representante de hostalaría da asociación, José Anxo González, e dous propietarios de establecementos participantes, Amador Domínguez, da cafetaría Venus, en Nigrán centro, e Francisco Rodríguez Miniño, da Galería, en Praia América.

Coa chegada do outono OVALMI retoma as accións de promoción da restauración local iniciadas en decembro de 2012, que teñen como obxectivo reactivar a actividade dos establecementos da zona, especialmente os fins de semana e períodos estivais do outono e o inverno, “unhas xornadas de gastronomía e lecer que foron acollidas con gran éxito de participación tanto por parte de locais como de visitantes”, lembrou o rexedor municipal.

Nesta ocasión, a asociación pon en marcha o I Rally Oktoberfest Nigrán, unha iniciativa que suma a 18 establecementos hostaleiros do municipio, repartidos en catro tramos. O Papos e O Chideiro, no tramo da Ramallosa; Barrio Sur, La Galería, Martola, Paradise e Serrano, en Praia América; Praia Club Nigrán, JR, Alalá, Lalo´s, Malecón e La Chabola, en Panxón; e El Retiro, Venus, La Cuesta de Claudia, A Landra e Prado en Nigrán centro.

Todos estes locais ofrecerán entre o 25 e 27 de outubro cana e salchicha –cociñadas en diversas modalidades- polo módico prezo de 2 euros, nunha contorna festiva decorado ao máis puro estilo alemán. Así mesmo, os participantes nesta primeira edición do rally gastronómico xermano poderán participar no sorteo de diversos agasallos. Para iso, deberán ter polo menos catro selos “un por cada tramo-, que se estamparán nuns flyers promocionais que acharán en cada un dos establecementos participantes. “Unha vez cumprimentados, os flyers depositaranse nunhas urnas que se habilitarán en cada un dos establecementos”, engadiu o coordinador da campaña, José González.

O rexedor municipal subliñou unha vez máis a importancia destas accións para a desestacionalización da actividade hostaleira local, e felicitou á asociación haber retomada a iniciativa iniciada o pasado ano con esta nova xornada gastronómica. “A promoción da hostalaría e a restauración local ao longo de todo o ano é fundamental, polo que reiteramos o noso apoio a este tipo de iniciativas, dirixidas a dinamizar un dos principais motores económicos do municipio”, agregou.