

O CONCELLO DE NIGRÁN ABRE A VINDEIRA SEMANA O PRAZO
DE INSCRICIÓN PARA OS CURSOS DE ‘ENVELLECEMENTO ACTIVO’
NA RAMALLOSA E VILAMEÁN
O Concello volve a ofrecer ‘Vivilo Corpo’, Informática e ‘Exercitar a Memoria’, mantendo as 238 prazas ofrecidas o ano pasado e a localización de Ramallosa e Vilameán. O custe total para é de 25 € todo o curso, agás informática, que é gratis
Están dirixido a maiores de 60 anos empadroados no municipio con autonomía física e cognitiva, tendo prioridade de inscrición o martes 20 os que non participaran o ano pasado
Nigrán, 15/01/26.- O Concello de Nigrán abre a vindeira semana en sucesivos días o prazo de inscrición para os tres cursos municipais do programa ‘Envellecemento activo’ dirixidos a maiores de 60 anos empadroados no municipio, con autonomía física e cognitiva e capacidade de integración nun grupo e que desexen mellorar as súas facultades e previr o illamento social. Como en anos anteriores, toda aquela persoa que non participa o ano pasado terá prioridade de inscrición o martes 20 de xaneiro no Centro Social de Vilameán (ao carón do Concello) de 9:00 a 12:00 horas e, en todos os casos, só se admitirá unha inscrición por persoa (imprescindible amosar o DNI do interesado/a) . O Concello mantén as 238 prazas e o custe total para o usuario de 25 € todo o curso (pago ao momento con tarxeta) agás informática, que é gratis ao estar impartido polo voluntario Antonio Lago. Os obradoiros desenvolveranse desde a primeira semana de febreiro a penúltima de decembro, con descanso estival. Toda a información polo míudo (horarios, prazas e días para anotarse, estará pendurada en www.nigran.org).
Tras o primeiro día de inscrición para todos aqueles que non se beneficiaron do programa ‘Envellecemento activo’ no 2025 (martes 20), abrirase o mércores 21 de xaneiro o prazo de inscrición para cursar no Centro Social da Ramallosa ‘Vivilo corpo’, dirixido a potenciar as capacidades motoras a través de exercicios de movemento e coordinación, e para Informática (conceptos básicos). Ao día seguinte, xoves 22, abrirá o prazo de inscrición para ‘Exercitar a Memoria’, tanto na Ramallosa como no Centro Social de Vilaméan (actividade para previr o envellecemento cerebral).
Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioros cognitivos, e neles se basa este programa que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores dirixida pola edil María Mayán.
O caracter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, teatro, bailes e mesmo para persoas con deterioro cognitivo o centro especializado en demencias neurodexenerativas, en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.


