Monólogo de Pepo Suevos
O CONCELLO DE NIGRÁN CONTINÚA ESTE VENRES O SEU CICLO
‘UN ANO DE HUMOR’ CO MONÓLOGO DE PEPO SUEVOS
Tamén estará presente o domingo na Feira do Libro para comentar a película ‘A praia dos Afogados’, na que é actor de reparto.
Os derradeiros monólogos serán o 28 de Abril con Sergio Pazos e Cristina Maró
Nigrán, 20.04.23.– O Concello de Nigrán continúa este venres 21 de Abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o seu ciclo ‘Un ano de humor’ co monólogo de Pepo Suevos, totalmente improvisado, aberto e interactivo co público. O mesmo estará presente o domingo na Feira do Libro de Nigrán para comentar a película ‘A praia dos Afogados’ , na que traballa como actor de reparto (Auditorio Municipal, 20:00 horas). Os derradeiros monólogos serán o 28 de Abril con Sergio Pazos e Cristina Maró. Todos son de balde e con entrada libre ata completar o aforo do auditorio.
Pepo Suevos comezou coma contacontos e desde entón ten participado en multitude de longametraxes con papeis secundarios, así coma na maioría das series máis coñecidas da TVG e nalgúns programas de televisión. Conta con grande experiencia coma contacontos e cómico.
É Está en crise a comedia? Miña, nai, esperemos que non! É moi necesaria para soportar o “mundo real”. E ademáis, son moitos os que viven por e para a risa. Pero si que é certo que hai unha certa tendencia nos últimos tempos a meterse con ela, a censurala, a criticala… Está, por exemplo, o famoso tema dos límites, aquel “con que se pode facer humor e con que non”. Debates internacionais, hai con isto. Pero temos máis. Dun tempo para aquí escóitase moito a frase “todos fan máis ou menos o mesmo, falan do mesmo e usan os mesmos chistes”. Respectable opinión tamén. Ou aquilo de “iso faino calquera. Total, so hai que ter un texto simpático e apréndelo”. Moi ben. Outro estacazo para o oficio, pero igual de respectable. Agora ben, feita a lei, feita a trampa. Contra o veleno,o antídoto. Cando ti vas, eu veño de alí… Todo isto é o que pensa Pepo Suevos, e por iso decidiu sacar un novo espectáculo no que derruba estes tres piares da crítica desde o primeiro segundo. Un espectáculo totalmente improvisado, no que, xa que logo, non existe texto que aprender. Un espectáculo interactivo, no que a información que ofreza o público será a que irá compoñendo o contido, así que no caso de tocar temas escabrosos, o público será o culpable (ou cando menos, cómplice). E por suposto, se se tratan os temas “de sempre”, será o auditorio o que peque de pouco orixinal, e nunca o tipo do escenario, que ten que estar áxil e receptivo para que a pelota non caia ó chan.
A todo isto, ímoslle sumar que está de moda o da improvisación, con gran proliferación de compañías que fan teatro a partir de xogos con aportacións do público. Así que Pepo Suevos recolle todo isto e plantexa un show aberto, atrevido, arriscado e sobre todo, moi divertido, no que cada función será única, xa que todo o que aconteza durante o espectáculo, irá xurdindo “á caída”.