Costas inicia as actuacións para mellorar o estado do areal de As Canas

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, reuniuse coa presidenta de OVALMI, Débora Mouriño, e hostaleiros da zona de Prado para explicarlles a situación desta praia e as actuacións que se realizarán na mesma para tentar mellorar o nivel de area.

Tras a visita realizada o pasado martes ao areal, en compañía do concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Vidal Meneses, e un técnico da Xefatura Provincial de Costas, o rexedor avanzoulles que Costas iniciará mañá mesmo as actuacións previstas, aproveitando a previsión de descenso nas temperaturas para os próximos días, “tal e como avanzaramos semanas atrás”, engadiu.

“As accións consistirán na redistribución dos cantos rodados e pedras da primeira liña de praia, co fin de tentar eliminar a barreira natural que forman e axudar a que o nivel da area suba con maior celeridade”, engadiu.

Neste sentido, Valverde subliña que calquera actuación que se realice neste areal, así como en calquera outra zona de interese natural, deberá facerse respectando a contorna e coidando calquera posible impacto ambiental a curto, medio e longo prazo. “Estamos ante unha cuestión puntual consecuencia das mareas e os fortes temporais deste inverno, que buscamos resolver con esta actuación pero sen prexudicar a contorna natural actual e futuro das nosas praias”, sinalou.

Dispositivo de limpeza
O rexedor municipal aproveitou a reunión para desmentir a información publicada no Atlántico Diario respecto dunha suposta ausencia de dispositivos de limpeza nas praias de menor envergadura do termo municipal. Máis concretamente, no que afecta á praia das Canas, apuntou que “este areal conta cun dispositivo de limpeza diario, con medios humanos e mecánicos, composto por unha cuadrilla de entre dúas e tres operarios que limpan diariamente a praia, ademais de pasar todas as noites a máquina limpiaplayas”.

Na reunión tamén se abordou o correcto uso dos colectores no porto de Panxón, evitando depositar residuos orgánicos sen bolsas. Sobre esta cuestión o rexedor municipal trasladou a OVALMI a opción de que sexan os propios hostaleiros os que estuden a mellor localización para evitar posibles cheiros e garantir unha maior comodidade no seu uso.